Site icon Crónica3.com A Mariña

Turismo de Galicia achega 13.000 euros ao concello da Pontenova para realizar traballos de mellora na ruta das Reigadas

A Pontenova (Lugo), 5 de xullo de 2017.- A Xunta de Galicia destina 13.000 euros a financiar un proxecto de mellora da ruta das Reigadas promovido polo concello da Pontenova.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, subliñou “o impulso que o Goberno autonómico lle está a dar ao turismo de natureza, ao turismo no rural, para lograr un aproveitamento dos recursos sustentable e ao mesmo tempo rendible para a economía local”.

Turismo de Galicia subvenciona na Pontenova unha iniciativa que pretende lograr a homologación da ruta das Reigadas como ruta de sendeirismo, para o cal se mellora a sinalización e se realizan labores puntuais de acondicionamento, como a instalación de varandas ou escaleiras. A ruta ten unha lonxitude de máis de 8 quilómetros e discorre por áreas boscosas, próxima a dúas fervenzas e a un antigo muíño.

Balseiro explicou que esta actuación enmárcase dentro da orde de subvencións de Turismo de Galicia a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), en liña co Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Neste sentido, o delegado afirmou que “o desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, e a nosa paisaxe constitúe unha gran riqueza medioambiental e turística que debemos conservar, difundir e poñer en valor”.

Deste xeito, engadiu, “apostamos por mellorar a calidade de vida nas zonas rurais e a diversificación da economía rural, ao tempo que potenciamos un turismo de calidade, accesible e sustentable”.

Este programa de axudas de Turismo de Galicia está orientado a mellorar a accesibilidade e a sinalización de recursos como miradoiros e espazos de interese paisaxístico, praias, encoros, fervenzas, bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, sendeiros e rutas e outras infraestruturas de interese turístico.

Tamén se subvencionan os custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de redacción de proxectos de arquitectos, enxeñeiros e honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade, gastos xerais e beneficio industrial.

Exit mobile version