Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornada inagural das Xornadas de Historia de Foz

Foz 30-7-17. A XXII edición das Xornadas de Historia de Local organizadas pola Asociación Cultural A Pomba do Arco arrancan o Luns 31 de Xullo ás 20:30 coa proxección do documental “Riquezas Lucenses” e unha charla de seguido de Xosé María Leal Bóveda sobre o salgazón e a conserva na Mariña de Lugo entre o século XVIII e o século XX.

Riquezas Lucenses é un documental de 23 minutos gravado en 1947 baixo a dirección de Carlos Boué e o guión de Ramón Talenti, directivo de “Industrias Dalo”, no que se fai un percorrido pola actividade madeireira, pesqueira e conserveira no Foz daquela altura, con especial referencia ao conglomerado industrial propiedade de Damián López. No mesmo recóllense imaxes sobre o inicio da repoboación forestal na nosa zona e actividade económica nos serradoiros de Vilaronte, a navegación de cabotaxe e a exportación de madeira de tablilla para as explotacións mineiras de Asturias, a actividade pesqueira, con imaxes da pesca do bonito nas inmediacións da Ría de Foz e os traballos nas fabricas de conserva da vila, especialmente na conserveira de Damían López fronte á Praia da Rapadoira. O director do documental Carlos Boué foi un destacado cineasta e produtor cinematográfico madrileño, autor de diversos filmes de ficción e documentais, que desenvolveu parte da súa actividade en Barcelona e que estivo moi vinculado a provincia de Lugo pola súa muller.

Xosé María Leal Bóveda, licenciado en historia e profesor de ensino secundario e autor de diversos traballos de investigación, téndose especializado no mundo do mar na área da Mariña, cuestión á que lle dedicado a súa tese de doutoramento e da que se vai dedicar no seu relatorio de Foz. A charla versará sobre a historia da pesca na Galicia cantábrica e a súa industria de transformación (salgado, escabeche, conserva e outros métodos artesanais) dende o século XVIII ata a década dos 60 do século pasado. Trátase dun tema pouco ou nada traballado na historiografía galega xa que a meirande parte dela refírese ás rías atlánticas do norte e sur onde a presenza de fomentares cataláns foi moi nidia. Algúns dos apelidos destes fomentadores cataláns como os Martí, os Doménech ou os Catá, aínda hoxe se conservan na Mariña, atopando os primeiros no Concello de Foz asentados en Nois en 1802 cos nomes de Xosé Díaz Galcerán, Benito Galcerán, Andrés García e Xosé de Ponte.

Os novos métodos de explotación que estes fomentadores traían permitiron que os mariñeiros de Nois e Foz pescasen máis que os de Viveiro ou Ares, empregando como arte de pesca o xeito de 500 mallas , o que provocou un preito cos os gremios e os fomentadores de Viveiro que non impediu que os fomentadores de Nois e de Foz se dedicasen á pesca, ao salgado e ao comercio, para o cal tiñan barcos propios. O problema destes fomentadores cataláns asentados no noso concello, de igual maneira que os do resto de Galicia, era que aos mariñeiros lles pagaban unha cantidade fixa, sen ter en conta a cantidade que pescasen; tamén lles prohibían aos mariñeiros vender o seu producto a outras persoas, tal e como eran os maragatos que abastecían de peixe Mondoñeo. Os soldos recibidos polos mariñeiros de Nois e Foz eran mínimos, impedíndolles conseguir un nivel de vida aceptable. Para evitar iso os mariñeiros de Nois no ano1808 solicitan ao Estado un crédito de 20.000 reais para poder redimirse da dependencia dos fomentadores cataláns asentados na súa parroquia e traballar para si.

Leal Bóveda achegarase tamén a pesca da balea , actividade principal, nos portos de San Cibrao, Burela, Nois e Foz no século XVII, para seguir cun percorrido polas das distintas artes de pesca empregadas nas costas mariñáns (xeito, traíña, cerco real, entre outras) e posteriormente dedicarase á pesca e transformación da sardiña como especie predominante nas capturas cantábricas.Porén as condicións laborais dos mariñeiros van empeorar de xeito evidente ao longo do século XIX, o que orixina a aparicións das primeiras protestas da xente do mar, como a acontecida no ano 1895 cando todos mariñeiros de Foz se negan a ir traballar ata que non lles suban o seu salario, provocando a disolución dunha manifestación na vila pola acción da garda civil. Outro tanto acontece coas traballadoras da conserva que fai exactamente 100 anos mantiveron unha folga nos meses de verán de 1917 ao longo de tras meses na defensa da mellora das súas condicións laborais.

Exit mobile version