Site icon Crónica3.com A Mariña

A Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza un recital poético nas escaleiras do parque de San Francisco

Ribadeo 18-8-17. Dentro das actividades de verán dedicadas á historia, cultura e lingua da Comarca do Eo, o próximo xoves, día 24, A Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza un recital poético nas escaleiras do parque de San Francisco.

Será ás 7 da tarde, e nel poderá participar quen tiver interese. Simplemente tería que avisar neste correo (agrupacionfranciscolanza@gmail.com), e encomendaríaselle a lectura dun poema.

Os poemas que van ser recitados son da autoría de algún escritor ou escritora da zona Eo-Navia, ou mesmo de León. Son, polo tanto, pertencentes ao tamén chamado “galego exterior”. Queremos que poetas como Quique dos Roxíos, Héctor Acebo, Viqui Veiguela, Crisanto Veiguela Martins, Aurora García Rivas, Moisés Cima ou Xavier Frías Conde sexan tamén coñecidos na marxe esquerda do río Eo, e que todos e todas poidamos gozar coas súas composicións. Algúns deses versos xa poden ser lidos estes días en varandas do centro da vila de Ribadeo, dentro da actividade que denominamos Palabras no Balcón.

Agardamos que esta actividade sexa do agrado e interese dos ribadenses e das persoas que nos visitan, e, como iniciativa aberta que é, contamos coa participación de calquera persoa que así o desexe.

Exit mobile version