O presidente do club de atletismo Ría de Foz, Manuel Eiras, explicou que “este ano temos establecido que o día 5 haxa unha feira do corredor, a que esperemos que asista bastante xente; é un novo experimento que facemos. Dispoñemos de cinco casetas con varias empresas e diferentes tipos de actividades para esa tarde. O patio do colexio abrirase ás cinco da tarde ata as nove da noite, a xente xa poderá recoller alí os dorsais e excepcionalmente abrimos as inscricións presenciais ese día”.
Manuel Eiras engadiu que “o día 6, a partir das nove da mañá, ábrense as portas do colexio Martínez Otero e empézanse a entregar os dorsais. Ás dez comezan as carreiras, empezan os pícaros, seguidos de benxamíns, alevíns, infantís e cadetes. A carreira raíña, na categoría absoluta, será ás once da mañá cun recorrido de sete quilómetros. Esperamos unha boa afluencia de xente. Xa superamos os 600 inscritos e intentaremos chegar á cifra dos 800 ou incluso os 1.000 inscritos”.