Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa das Letras de Ribadeo presenta un libro sobre a represión franquista e os represores na Mariña e no Occidente Asturiano.

Ribadeo 1-8-17. A Casa das Letras de Ribadeo acolle o Venres 4 de agosto ás 20:30 a presentación do libro “Os nomes do terror. Galiza 1936:os verdugos que nunca existiron” nun acto no que participarán o Alcalde de Ribadeo Fernando Suárez Barcia, o xornalista Xavier Rivera Ponte, o presidente de Sermos Galiza Xoán Costa e os autores do mesmo Carlos Nuevo Cal e Xosé Ramón Ermida Meilán. O volume recolle un extenso estudo sobre a represión franquista na Mariña, no occidente de Asturias e en Ribadeo da autoría de Carlos Nuevo no que se fai unha exhaustiva relación dos veciños desta área asasinados, ben por procedementos xudiciais ou extraxudiciais, achegando por primeira vez dados sobre dalgunhas das persoas que participaron nestes asasinatos.

A publicación ocupase e fornece información dun bo número de persoas asasinadas na área Ribadeo e Pontenova, entre os que se cita os paseos de Juan Antonio Ardao Seijido, executado o 9 de agosto de 1936; Manuel Torviso Barata “O Muchacho”, morto en estrañas circunstancias o 27-8-36; José Cantalapiedra Caparrós, paseado o 1-9-1936, logo de saír o día anterior da cárcere do Depósito Municipal; Antonio Díaz Díaz Villaamil, falecido o 2-9-1936, no Hospital de Lugo a consecuencia das feridas producidas ao ser detido; Santiago Fariñas Reinante (O Barqueiro-Mañón, 4-9-36); Marcelino Álvarez López (O Barqueiro-Mañón, 4-9-36); Bruno Martínez Fernández (Mondoñedo, 12-9-36); Antonio Mª Martínez López (Mondoñedo, 12-9-36); Enrique Navarret García (Mondoñedo,12-9-36); Florencio Carballo Novigil (Mondoñedo, 15-9-36); José Antonio Díaz Álvarez (Argomoso-Mondoñedo, 20-9-36); José Mª Díaz Díaz Villaamil, deputado de IR, fuxido e asasinado en Lugo pola Guardia Civil (25-9-36); Jesús Longarela (7-10-36); César Margolles, fuxido e paseado en Asturias; Hermenegildo Alonso Sánchez (Vilaodriz, 29-12-39) e dous descoñecidos máis, aparecidos na Ponte de Pedrido o 11 de setembro de 1936.

Segundo indica Carlos Nuevo no seu traballo “debido á situación fronteiriza de Ribadeo con Asturias e ser paso obrigado para intentar chegar ao bando republicano, antes da caída do fronte norte, foron moitas as persoas que intentaron pasar a través das terras ribadenses. A maioría serían detidos no intento e perderon a vida, paseados ou fusilados posteriormente como lles aconteceu, entre outros, a José Olid Moreno, cabo de artillería de Ferrol; Francisco Lamiña Rodríguez, directivo da CNT de Porto do Son, detido en Castropol e paseado en Ribadeo ou José Maneiro Teira, membro da CNT e veciño de Noia, paseado en Castropol, logo de ser detido en Ribadeo”.

Un das novidades que fornece este volume e que está provocando grandes expectativas en Galiza é que se trata da primeira achega a realidade dos represores até agora os grandes ausentes en todos os estudos referidos á memoria histórica. Neste sentido na publicación recollese un traballo completo sobre o tristemente celebre “Coche do Cangrexo ou do Centolo”, un dos símbolos do terror fascista en toda a area da Mariña desde Viveiro a Ribadeo e do occidente de Asturias. O “Coche do Cangrexo ou do centolo ”, utilizado habitualmente por falanxistas da zona nas súas accións represivas e propiedade dunha cetárea da zonarecibía ese nome porque nunha das súas portas levaba un debuxo do marisco en cuestión. Ao tempo, recollese unha lista parcial dalgunhas das persoas que fixeron parte deste terríbel escuadrón da morte, tan presente na memoria popular que durante moito tempo mesmo serviu para asustar aos nenos.

Exit mobile version