Site icon Crónica3.com A Mariña

A concellaría de limpeza viaria e xestión de residuos de Ribadep pide a colaboración dos establecementos comerciais e d@s vendedores/as da praza de abastos para que manipulen de xeito correcto o cartón

Ribadeo, 14 de agosto de 2017. A Concellaría de Limpeza Viaria ven de dirixir escritos aos vendedores e vendedoras da praza de abastos e aos locais asociados de Acisa polas malas prácticas que o Concello está a detectar na manipulación do cartón. Jorge Díaz Freije pide a súa colaboración para que sexan exemplo entre a poboación e axuden a dar unha boa imaxe de Ribadeo. E lembra que os comerciantes teñen á súa disposición un servizo de recollida de cartón porta a porta os martes e os xoves de 17:00 a 19:00 horas. Para solicitalo deben chamar aos seguintes números de teléfono: 647 86 92 68 ou 676 73 96 55.
O concelleiro de Limpeza Viaria manifestou que “se estaba detectando que o cartón se manipulaba mal, había colectores baleiros de cartón e cartón por fora, ou incluso detectamos que no colector verde había moito cartón acumulado, de aí que dirixamos estas cartas tanto á praza de abastos como a Acisa Ribadeo. Estas recomendacións tamén se fan extensibles ao resto da poboación para que recicle o lixo da forma máis correcta posible”.
Jorge Díaz Freije aproveita “para volver dar as grazas a todos os veciños e veciñas que teñen un comportamento normal e fan un uso correcto dos colectores, da reciclaxe diversificada, de sacar o lixo á hora que hai que sacalo… a eles quero darlles as grazas e animalos a que sigan nesta liña”.
O responsable de Limpeza Viaria salientou que “todo este tipo de escritos que se fan ou estas alertas que nós detectamos, procuramos que todas estas cousas vaian mudando para que todo isto repercuta de xeito positivo para Ribadeo, para os seus habitantes e para os que nos veñen ver”.
Desde o Concello, a través do escrito enviado estes días, advirten que esta problemática, máis habitual durante o verán, lle foi transmitida ao servizo de recollida de papel e cartón, “para que no caso de repetirse se dea avisto á Policía Local. Así esta emitirá o informe oportuno e de darse o caso se tramitarán os correspondentes expedientes sancionadores, extremo que de ningún xeito queremos que se produza, feito polo cal lles remitimos o presente escrito”.

Exit mobile version