Site icon Crónica3.com A Mariña

A Festa da Malla de Meira cumpre 26 anos, co apoio do Goberno da Deputación

festa da malla-meiraLugo, 14 de agosto 2017. A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, o Alcalde de Meira, Antonio de Dios, xunto con organizadores e colaboradores, presentaron este luns, a XXVI Edición da Festa da Malla de Meira 2017, que se celebrará o día 20 de agosto na Praza da vila. Esta tradicional celebración foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional de Galicia. A xornada comeza ás 10:00 horas na praza Maior co traslado das máquinas de mallar, e prolongase durante todo o día.

García Porto destacou que “dende o Executivo Provincial colaboramos con esta cita co obxectivo de promover, recuperar e revalorizar as tradicións locais como sinais de identidade e atractivo da provincia. Facémolo no marco do 1º Plan Estratéxico de Turismo de Lugo, que define estes obxectivos como unha das liñas de actuación para impulsar o turismo e xerar riqueza na nosa provincia”.

A Deputada remarcou que a festa da Malla de Meira “xa é un referente en toda a provincia, unha celebración coa que se pode coñecer unha das tradicións mais senlleiras de Galicia, como é a malla. Ademais durante esta xornada os visitantes poderán desfrutar de ata seis grupos musicais, e tamén da exposicións de maquinaria antiga e de artesanía. Unha autentica xornada de tradición e de lecer”, explicou.

Antonio de Dios agradeceu a colaboración da Asociación Amigos da Malla de Meira, así como os veciños e comerciantes que traballan para celebrar esta nova edición. Avanzou que haberá actuacións da Banda de Música e a Banda de gaitas de Meira, Nove Ferreñas, Trío Muralla, Os Valuros de Castro de Rei, Leña Verde, e xogos para nenos. Durante a xornada tamén poderán visitar a exposición de artesanía e maquinaria antiga na Praza do Concello, dende ás 10:00 horas.

O Rexedor convidou a todos os visitantes a achegarse a vila para coñecer as tradicións desta feira, e ao mesmo tempo descubrir os recursos patrimoniais, culturais e paisaxísticos de Meira. Como por exemplo, a igrexa mosteiral de Santa María (Declarada Monumento Nacional desde 1931) de estilo románico borgoñón e consagrada no 1258, así como as rutas de sendeirismo da vila.

Exit mobile version