De acordo con esa vocación de crecemento e na procura de ofrecer o mellor de si mesma a propios e alleos levamos, dende sempre, reclamando infraestruturas e servizos en cantidade e calidade suficientes para atender as necesidades reais da Comarca. Lembremos a necesidade da autovía de Barreiros a San Cibrao, o remate da vía de alta capacidade, a mellora (urxente) da nacional 642, a recuperación dos servizos ferroviarios, autocares… e a defensa da Área Sanitaria propia da Mariña.
Resulta preocupante e moi decepciónante que non avancemos na resolución destas reclamacións, e tamén é preocupante que servizos tan necesarios como son os sanitarios, que queremos de calidade e consolidados (como era o noso hospital ata o ano 2009, que tiña autonomía sanitaria, organizativa e económica) se acomoden na modificación da Lei de saúde que paso a expoñer.
O pasado mércores día 2 de agosto, o Goberno galego publicou, sen previo coñecemento por parte do eido sanitario, o anteproxecto de lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo de saúde de Galicia. Este anteproxecto inclúe unha serie de modificacións sobre a citada lei de moito calado, e con moita relevancia para o sistema sanitario galego, en termos de participación, de organización do mapa sanitario e os seus recursos, de formación, investigación e o nulo coñecemento previo por parte de asociacións de pacientes, sindicatos, partidos políticos e cidadanía en xeral das intencións de levar adiante este procedemento neste momento, evidencian a intención de esconder as propostas coa vontade de ser ocultadas e non debatidas.
No referido ao fondo da proposta de reforma, chama a atención as atribucións de funcións á acción directa do Consello da Xunta de Galicia vía decreto. De entrada así se inclúe no caso da participación cidadá, anteriormente canalizada a través dos Consellos de Saúde de Galicia e de Área, cuxa conformación quedaba perfilada na Lei de 2008 e incluía a representantes das administracións locais correspondentes, representantes de traballadores/as, rede social e económica das áreas sanitarias correspondentes, etc. No intento de modificación dos artigos 23.3 e 26 que propón o anteproxecto se delimita que a conformación dos Consellos de Saúde se determinará “por decreto do Consello da Xunta”. Retíranse as referencias explícitas a que os Consellos de Saúde puideran obter e solicitar información relevante de carácter sanitario para interese xeral o que supón a non participación dos representantes políticos e sociais nas decisións estratéxicas que afecten ás comarcas ( a actual Xunta deixou de convocar ó Consello Comarcal. Antes facíase con regularidade, e eu teño participado en varios).
A reorganización do mapa sanitario de Galicia é outra das cuestións fundamentais que inclúe o anteproxecto de lei, pois reformula a ordenación actual cara un modelo máis concentrado e que perde atención ás comarcas e áreas sanitarias rurais e semiurbanas. A proposta pretende retirar da lei as delimitacións sobre áreas sanitarias, e as especificacións sobre funcións, características e fundamentos da súa relevancia, creando unha nova división entre áreas, distritos e zonas que, como se apunta na propia proposta de modificación, quedarán a expensas de ser determinadas “por decreto do Consello da Xunta” (modificación dos artigos 67 e 70).
Ao fío desta nova delimitación do mapa sanitario, quedan no aire, entre outras, a área sanitaria da Mariña Lucense por ser unha área comarcal á que se abre a porta da perda de servizos sanitarios mínimos dun hospital a favor das concentracións de servizos no Centro Hospitalario de Lugo. Esta concentración, que xa foi iniciada coa implantación das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) foi sinalada xa dende entón como un erro por parte da meirande parte dos profesionais do sistema sanitario, concellos, asociacións profesionais, representantes sociais e constatada polos usuarios coa perda progresiva de servizos no noso hospital comarcal. No caso de actual anteproxecto, a modificación dos artigos 68 e 69, que determinan a referencia aos Hospitais, quedaría a expensas dun decreto do Consello da Xunta que puideran perder, incluso, a atribución dun hospital.
Segundo a normativa que se pretende impor, existiría a posibilidade de que un decreto deixara sen servizos sanitarios mínimos dun hospital ao noso centro de Burela. A perda da condición de área sanitaria na nosa comarca afondaría na rebaixa de servizos, na dependencia do persoal do Área de Lugo, e na constatación dura e imposta dun modelo de hospital de segunda que se convertería nun ambulatorio grande, e que non tería a capacidade sanitaria que se precisa.
A gravidade das propostas de modificación en participación e definición do mapa sanitario, fai necesario abrir un debate profundo na busca dun acordo sobre as modificacións que se pretenden. Por esta cuestión solicitaremos a retirada do anteproxecto de Lei de modificación da Lei do 2008 de saúde de Galicia e apoiar a Conformación dun grupo de traballo, que inclúa a representantes de todos os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia, Fegamp (coa participación dos concellos afectados) sindicatos, asociacións de pacientes e outros colectivos de relevancia no eido sanitario galego, para determinar as posibles necesidades de modificación da lexislación sanitaria.
Este grupo de traballo elaborará un informe de conclusións que será de acceso público e que proporá as posibles melloras normativas no sistema sanitario galego, de ser precisas.
Pensando sempre na defensa dunha Sanidade Pública e de calidade, o que desexo é que a Mariña conte con unha Área Sanitaria propia. Tomando a Mariña como referencia, sobran razóns.
Alfredo Llano García
(Alcalde de Burela e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña)