Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta investiu 1,7 millóns de euros na mellora de infraestruturas e servizos e en axudas directas en Alfoz nos últimos meses

170817 AlfozAlfoz, 17 de agosto de 2017.- A Xunta de Galicia investiu máis de 1,7 millóns de euros en Alfoz en dotacións e infraestruturas e na mellora de servizos dende o pasado ano.
Así o confirmou o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita ás obras executadas en camiños de titularidade municipal sufragadas pola Consellería do Medio Rural. Estas e o conxunto dos investimentos descritos avalan, segundo indicou o delegado, “que a Xunta de Galicia é a administración que máis inviste no municipio”.

Balseiro lembrou que está en marcha unha nova edición do Plan Marco, que contempla un investimento de 58.400 euros para Alfoz en dúas anualidades e permitirá continuar coas actuacións de mellora de pistas.

Nos últimos meses este plan facilitou o arranxo dos camiños que dan servizo aos núcleos de Pereiro, Cadramón, Cotoseco, Sesín e Veiga Nova, por un investimento total de 76.000 euros.

Balseiro lembrou que a Consellería do Medio Rural investiu tamén máis de 733.000 euros en proxectos de concentración parcelaria.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ven conceder unha subvención de 40.600 euros para o acondicionamento da ruta de acceso á fervenza de Escouridal e a sinalización de varios elementos turísticos.

O mesmo departamento financiou tamén a adquisición dun tractor cortacéspede, obras na rede de abastecemento de auga ao núcleo de Cabanela ou a reconstrución dun depósito na Caxigueira e varias obras de mellora no pavillón municipal, así como un programa de fomento da conciliación laboral e familiar, iniciativas ás que destinou en conxunto 92.500 euros.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria propiciou a contratación de persoal, entre eles dous socorristas ou persoal para o obradoiro de emprego -promovido co concello de Foz- e sufragou obras de iluminación dentro do proxecto de aforro e eficiencia enerxética, cun investimento de preto de 50.000 euros.

Balseiro destacou tamén o financiamento de servizos sociais, como o de Axuda no Fogar a Persoas Dependentes, información xuvenil ou atención temperá, e a execución de obras de infraestrutura de xestión propia, como o reforzo localizado do firme na estrada LU-160 ou traballos de reparación no valado do instituto. En conxunto, superan os 339.000 euros de investimento.

O delegado lembrou que, a maiores dos citados investimentos, Medio Rural distribuíu o pasado ano máis de 411.000 euros en axudas aos agricultores e gandeiros do municipio, apoios que contribúen á dinamización da economía local.

Exit mobile version