Así o explicou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, nunha visita á zona acompañado do equipo técnico encargado de realizar os traballos, o que, tras un estudo sobre o terreo, propuxo a implantación dun redutor de velocidade de tipo lombo de asno in situ, coas características que prescribe a normativa técnica FOM/3053/2008 para este tipo de equipamentos, así como a sinalización horizontal que leva aparellada e de reforzo.
Balseiro explicou que, segundo lle indican os responsables de Tráfico, o exceso de velocidade e o incumprimento da norma sobre cesión de prioridade de paso ao incorporarse á glorieta dos vehículos que proceden de Xove pola LU-862 en sentido San Cibrao son os factores chave na maioría dos accidentes rexistrados nesa glorieta e, polo tanto, unha medida correctora deste tipo, destinada a manter unha velocidade de circulación reducida ao longo dese treito de vía, sumada á sinalización existente, colaborará na mellora da seguridade na intersección.
O primeiro treito lucense do corredor da Costa Norte é un espazo moi transitado, pois serve de alternativa á LU-862, evitando o paso polo centro de Xove. Son case oito quilómetros de percorrido que incorpora tres enlaces, o de Beltrán, outro de acceso ao polígono de Camba e outro en Area, no concello de Viveiro. As primeiras estimacións indicaban que por esta nova vía circulaba unha media de 4.500 vehículos diarios