Viveiro 24-8-17. O Concello de Viveiro ten adxudicada provisionalmente a obra de “Mellora e reposición de saneamento, redes de sumidoiros e abastecemento de auga no tramo comprendido entre o nº 70 e nº 96 da rúa Rúa Grande de Celeiro, Viveiro (Lugo)” á empresa Construcciones Cazás, S.L., cun importe de adxudicación de 94.860,00€ (IVE incluído) e cun prazo de execución de 2 meses.
Esta actuación está subvencionada co Fondo de Compensación Ambiental 2017, co importe que lle corresponde a este concello por atoparse dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico.
Coa execución das obras incluídas en dito proxecto, na Rúa Grande, arteria principal de comunicación do núcleo urbano de Celeiro co porto, dase continuidade a actuacións anteriores realizadas no tramo deste vial próximo ao barrio mariñeiro do Celeiriño, quedando pendente nese momento a mellora do tramo superior dese vial.
O proxecto que se vai levar a cabo contempla a actuación de reposición de servizos urbanos e mellora do referido vial no tramo comprendido entre o nº 70 e nº 96, quedando pendente para actuacións sucesivas o tramo comprendido dende o nº 96 ata a igrexa parroquial.
Os servizos de rede de abastecemento de auga, saneamento e alumeado público, realizaronse hai máis de 25 anos, sendo as seccións de tubería existentes insuficientes para garantir o bo funcionamento dos servizos urbanos. Estos servizos, tal e como se plantexa no proxecto, deberán adaptarse para cumprir na maior medida posible ao aforro enerxético, á mellora ambiental e a dotar de rede separativa de augas pluviais e fecais que en parte da súa traxectoria é insuficiente ou non existe.
O obxectivo e necesidades a satisfacer coa execución deste proxecto consisten en:
•Eliminar o actual pavimento de formigón e substituílo por pavimento de losetas de granito.
•Restituír totalmente a rede de saneamento e de abastecemento de auga.
•Dispoñer dunha rede separativa de recollida de pluviais, mellorando a ubicación dos sumidoiros, conectados actualmente á rede de saneamento, dotación de boca de rego.
•Canalizar o cableado da instalación do alumeado público, dos servizos de subministro eléctrico ás edificacións e de telefonía que a día de hoxe discorren grapados polas fachadas.
Así mesmo, outras actuacións que este concello ten previsto contratar no vindeiro mes de outubro son as seguintes:
•Proxecto de pavimentación e servizos na rúa Rego da Fonte en Celeiro – Viveiro (Lugo) a licitar cun orzamento de execución de 190.000,00€ e un prazo de execución de 3 meses.
•Proxecto de pavimentación e servizos na rúa Lodeiro – Viveiro (Lugo) a licitar cun orzamento de execución de 173.000,00€ e un prazo de execución de 3 meses.
Ambas actuacións están subvencionadas pola Deputación Provincial de Lugo, estando incluídas no Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2017.