Site icon Crónica3.com A Mariña

Augas de Galicia levará a cabo labores de limpeza e conservación en oito ríos da Mariña nos vindeiros meses

160817 Visita río MasmaLugo, 16 de agosto de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, confirmou que Augas de Galicia levará a cabo nos vindeiros meses -ata finais de ano- labores de limpeza en oito ríos da Mariña.

O delegado desprazouse ata Mondoñedo para supervisar os labores que se realizan no Masma, e explicou que neste momento están en marcha tarefas de conservación en 4,5 quilómetros deste río, distribuídos en oito treitos correspondentes aos concellos de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros.

Os traballos consisten na retirada de árbores e ramas caídas acumuladas no leito do río así como restos vexetais mortos. “O obxectivo -sinalou Balseiro- é manter o cauce no mellor estado dende o punto de vista medioambiental e de conservación da fauna piscícola, evitando ademais que a acumulación de vexetación poida causar desbordamentos en época de choivas”.

Igualmente, segundo avanzou o delegado, están previstas labores de limpeza nos ríos Landro, Ouro, Loureiro,Xunco, Queixoiro, As Nogueiras e Guilán, nos concellos de Viveiro, Alfoz, Cervo, Xove e Ribadeo.

Así, tan pronto rematen en Mondoñedo, os traballos continuarán en Lourenzá e Viveiro. Dáse a circunstancia de que todos os ríos que xestiona Augas de Galicia na provincia están na comarca da Mariña -son os que desembocan no mar Cantábrico-.

Balseiro amosou a súa satisfacción “ante esta actuación, moi demandada na comarca, e que amosa que a Xunta actúa con sensibilidade respondendo aos requirimentos da cidadanía e tamén ás necesidades de conservación medioambiental dos ríos”.

De feito, engadiu, dende o ano 2010 o Goberno autonómico leva investido, a través de Augas de Galicia, 759.500 euros en actuacións de conservación fluvial na Mariña, boa parte deles destinados a labores de limpeza de ríos, retirando sedimentos, desbrozando as marxes ou realizando cortas selectivas.

Exit mobile version