Site icon Crónica3.com A Mariña

Chus, novo 7 laranxa

chus-presentacionBurela 24-8-17. Manuel Jesús Blázquez Pacheco (Salamanca, 1992) defenderá o 7 laranxa no novo Pescados Rubén Burela FS. ‘Chego con moitas ganas; era un reto moi apeticible porque o club puxo moito interese desde o principio en que formase parte deste proxecto” explicaba Chus, xunto ao presidente, Manuel Blanco, e o vicepresidente, José Luis Sáez.

Tras dúas semanas de pretempada, o ala zurdo, que conseguiu o ascenso a Primeira División a tempada pasada con Naturpellet Segovia, atópase moi cómodo no seu novo destino: “Estou moi contento. A adaptación está sendo moi doada porque o grupo que había xa do ano pasado estanos axudando; estanos poñendo todo moi fácil tanto para coñecer Burela como o equipo; é un bloque moi bo”.

Os pupilos de Juanma estrearon a axenda de amigables ao grande, co Torneo Burela Bonita, con Santiago Futsal e Palma, como rivais dos mariñáns, xunto a Movistar Inter tamén. “As sensacións foron boas sensacións, malia que levabamos poucos días de adestramento e contando que o gran peso do traballo foi físico. Vin o equipo moi armado, sobre todo en defensa; en ataque estivemos un pouco agarrotados no primeiro partido pero no segundo xa nos fomos soltando” recordaba Chus.

A próxima cita sobre a pista será en Cedeira, este sábado, fronte a outro rival de Primeira División, o debutante O Parrulo FS (19.30 horas). “Empezamos moi ben a semana, xa imos vendo un equipo que antes do torneo non era así. O sábado vaise ver un equipo máis formado tanto en defensa coma en ataque; esperamos que nos sirva de adestramento e adaptación para a liga” adiantaba o novo mariñán.

“Persoalmente só pido que me respecten as lesións e colectivamente confío en ir sacando os resultados e collendo confianza para ir valorando aos poucos, a partir de xaneiro, se podemos estar en play off ou un pouco máis arriba” marcaba así as súas metas o salmantino na súa estrea de laranxa.

Exit mobile version