Podería ser a liña argumental dun filme made in Hollywood onde un superheroe axustase contas; nada máis lonxe da realidade, na madrugada do mesmo día produciuse outro atentado en Cambrils.
De súpeto comezaron a xermolar as emocións, a solidariedade do medo e o desexo latente de vinganza, todo elo baixo o lema de unidade contra o terrorismo. E baixo o mesmo lema xurdiron cretinos que explicaban o sucedido en termos de disuasión do turismo, en clave de procés ou no tocante ao egoísmo daqueles que facían uso do catalán. Unidade non, uniformidade de pensamento.
Será a miña pequena aportación unha relativa ao dereito: o Tratado de Promoción e Protección Recíproca de Inversións entre España e Arabia Saudí, que entrou en vigor o pasado 14 de decembro de 2016. ¿De que se trata? Dun aparello para establecer medidas que fomenten un marco estable e favorable á inversión entre ambos estados, reducindo os factores de incertidume e seguridade xurídica.
Avións de reabastecemento, repostos e munición. O mercado español en material de defensa e venda de armamento ten en Arabia Saudí un dos seus principais clientes.
Arabia Saudí, estraña democracia que encabeza o top 5 de execucións por pena capital, a súa meirande parte decapitacións a asasinos, blasfemos e homosexuais, é dicir, aqueles que, segundo a lei saudí, cometen os delitos máis graves contra o Islam. Ese país que recorre como métodos de condena á amputación de membros ou á flaxelación.
E fomos de Esapaña a Arabia, de Barcelona a Riad, porque esta última é a principal patria dos wahabistas, aquela facción fundamentalista dentro do islamismo suní representada no ISIS e Al Qaeda. O principal centro de adoutrinamento e recrutamento daqueles que levan a cabo a práctica do “tákfir”, a acusación a calquera que non concorde coa súa visión do Islam baixo ameaza de execución.
Voltando ao tratado bilateral entre España e o país árabe, e dito de forma grosa, este debera constituír o marco xurídico que servira de base para a venda de armas ao ISIS.
Despois dos atentados en Barcelona, coa psicose do terrorismo latexante, mentres a xefatura de estado e os representantes públicos fan multitudinarias homenaxes, cando avivan vellos pantasmas que alentan o racismo, cando se insinúan móbiles relacionados co turismo ou se polemiza a propósito de que lingua co oficial debe ser empregada, conviría lembrar que o rei inaugurou a súa axenda exterior do ano 2017 para reunirse co monarca árabe Salam Bim Abdelaziz.