Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvoras e Magnolias: O Popular e o modelo bancario do noso tempo

Aínda moi presente o proceso de venda do banco Popular, sen a perspectiva suficiente para facer unha avaliación, pero co recordo fresco deste feito, da intervención doutras entidades financeiras e co Banco Central Europeo dando explicacións ao respecto, coido que é un bo momento para opinar.
Analoxías varias con outros procesos de venda/intervención bancaria e moitas diferenzas e é que, tan só cambiando os actores, xa nunca dúas circunstancias van a ser exactamente iguais – aínda que si semellantes-.
A primeira situación sobre a que quixera chamar a atención ten que ver coa excepcionalidade da intervención do BCE e co recente informe, emitido estes días nun exercicio de transparencia sen precedentes, relativo ás circunstancias que motivaron o proceso de liquidación. No devandito documento relaciónanse cronoloxicamente os feitos que, uns tras outros, provocaron a fuga de depósitos que mudou en inviable a situación do banco.
Foi a partir de abril do ano en curso cando as axencias Moody´s e S&P puxeron en marcha as sereas recortando a súa calificación crediticia ou rating, as turbulencias xa comezaran antes pero agora podía percibirse unha eventual caída.
O “capitán”, Emilio Saracho, declaraba recentemente que intentara evitar a venda do banco, afirmación que entra en colisión cos seus actos previos, coas súas declaracións fomentando a desconfianza dos inversores, a retirada de depósitos e a descapitalización anterior á operación.
Logo veu o “crash”, a perda do valor das accións e todas esas “movidas” que vostedes xa coñecen.
Adiantándonos un pouco e, extraendo algunha conclusión preliminar, penso que non se puxo o énfase necesario nunha cuestión cardinal: a intervención do BCE previa á venda. Semella que todos dimos por bo o seu criterio e asumimos con absoluta normalidade que este ditaminase o cauce.
E isto da un pouco de canguelo porque ¿que demo é o BCE? Se o consideramos un órgano político ¿cal é o seu proceso de constitución? ¿Como pode asumirse, no marco dunha economía que se chama a si mesma de mercado, que un banco central sexa o que determine a venda dunha entidade privada?
Diferentes actores e moitas semellanzas, todo este proceso lembra en sobre-maneira a outros como a constitución de Bankia, supervisada, naquel caso, polo Banco de España e pola Comisión Nacional do Mercado de Valores e auditada por Deloitte. Logo viñeron a quebra, as tarxetas black e a cara de cemento das institucións públicas e órganos de control que seguiron a mirar para outro lado e ás que aínda non se lles esixiu responsabilidade algunha.
Os accionistas de Bankia só puideron recuperar as súa inversións pola vía xudicial argumentando que a situación contable publicitada na saída a bolsa era fraudulenta, os do Popular terán que soster o mesmo con respecto a ampliación de capital.
Aínda cedo para demostrar obxectivamente nada, da a impresión de que todo este proceso foi unha brilante escenificación teatral que fortalece a cartelización do sistema bancario español.

Exit mobile version