Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega: “Os feitos mostran que a oposición mentiu sobre o hospital e estao a facer de novo”

A Mariña, 18 de agosto de 2017.- O deputado lucense no Parlamento de Galicia, Daniel Vega, quixo poñer de relevo que “os feitos mostran a verdadeira realidade sobre a sanidade na Mariña. As actuacións da Xunta de Galicia, á vista de todos os lucenses, xunto ás accións da oposición deixan claro que tanto PSOE, como o BNG e os sindicatos mentiron reiteradamente sobre o Hospital da Costa e estano a facer de novo con descaro e sen fundamento”.

Para o representante popular no Parlamento galego é “lamentable” que de novo os socialistas e os nacionalistas “se suban ao carro de empregar a sanidade pública no seu propio beneficio co obxectivo claro de descualificar só ao Partido Popular”.

Daniel Vega considera que a credibilidade das forzas da oposición e dos sindicados “é cero”. Para o popular “é evidente que non podemos crer nos sindicatos e nos partidos que se dedicaron a remitir panfletos ás vivendas nos que acusaban ao Goberno galego de ocasionar a perda de especialidades no hospital da Costa e mesmo que os nacementos se producirían no traxecto cara a Lugo cando hoxe en día a realidade é totalmente oposta. Temos un hospital con máis servizos e en plena ampliación”.

Polo tanto, para o deputado autonómico “os feitos falan por si mesmos. Está comprobado que cantas máis críticas e intentos ten a oposición de desprestixiar ao hospital da Costa, mellor lle vai ao centro que pese á situación económica está a recibir un investimento do Goberno da Xunta de Galicia de 20 millóns de euros”.

Ante esta realidade, Vega considera que a oposición só acadou méritos para “gardar silencio, xa que nunca está cando se lle agarda, cando tivo posibilidades non mirou polo hospital da Costa e agora só intentan xerar unha situación de alarma co motivo claro de empregar unha vez máis a sanidade cun afán político”.

Así, o deputado autonómico aconséllalle ao alcalde de Burela que se preocupe máis da xestión municipal, “que é a responsabilidade que lle compete e boa falta lle fai, xa que está demostrado que a Xunta de Galicia está a mirar polos nosos servizos sanitarios e calquera veciño o pode comprobar con só desprazarse ata o centro hospitalario”.

Por último, Daniel Vega tamén quixo aclarar que a reforma da Lei da Saúde “non supón ningún cambio para os cidadáns. Non haberá cambios de médico nin de hospital de referencia e de feito no distrito sanitario da Mariña blíndase tanto a súa existencia como a súa estrutura”. Deste xeito, engade o deputado “ampararase tanto ao persoal dos hospitais como a asistencia de calidade para os cidadáns, que queda garantida”.

Exit mobile version