Site icon Crónica3.com A Mariña

Foi presentado no Concello o vídeo promocional da obra “Juana de Ibarbourou”, que se estreou hai unhas semanas en Ribadeo

Ribadeo, 18 de agosto de 2017. A Concellaría de Cultura presentou hoxe o vídeo promocional da obra Juana de Ibarbourou, que se estreou en Ribadeo a comezos do pasado mes de xuño. Con este vídeo preténdese que a obra viaxe á terra de acollida da escritora laurentina, Uruguai, ademais de a outros países de Latinoamérica e de fala galego-portuguesa. Na presentación que tivo lugar este mediodía no Concello de Ribadeo, estiveron xunto ao concelleiro de Cultura, Farruco Graña, a autora e intérprete da obra Marina Oural e a bailarina Irene Álvarez Coto.
Farruco Graña dixo que “é unha actividade que xa se desenvolveu a principios de xuño e que foi un éxito. Foi unha aposta arriscada, pero tamén enriquecedora, e agora presentamos de dita actividade un vídeo promocional porque Juana de Ibarbourou, unha inspiración de poesía, danza e música que se desenvolveu no Teatro de Ribadeo, non remata nese mesmo acto senón que é un proxecto de futuro que pretende levar adiante esta performance poético-musical pola península ibérica, atravesar o Atlántico, e achegarse, como non podía ser menos, á terra que deu acollida a Juana de Ibarbourou, a Uruguai, e por extensión a Arxentina e a Brasil, e a calquera outro país que poida estar interesado”.
O edil ribadense engadiu que “de momento hai interese por sacar adiante a obra aquí na propia península, pero está en proxecto levala a Uruguai, Arxentina e Brasil. Para iso temos que entre todos arroupala, e o punto de partida desde o Concello de Ribadeo, desde a súa Concellaría de Cultura, consideramos moi oportuno apoiar a elaboración dun vídeo promocional no que tamén se fai referencia á vila de Ribadeo polo que supuxo para moitos mariñáns de porto de saída cara as Américas. Pero sobre todo, e fundamentalmente, ese vídeo promocional fai referencia a unha obra de arte, a unha performance poético-musical”.
Graña subliñou que “para o Concello de Ribadeo sempre é un pracer apostar pola cultura, investir en cultura e unha vez máis poñémolo de manifesto”.
Pola súa banda a autora e intérprete da obra, Marina Oural, deu “as grazas polo apoio brindado polo Concello de Ribadeo e a Farruco Graña como concelleiro. Estreamos no Cine Teatro despois de vir dunha residencia frutífera aquí, e tivemos a acollida calorosa e a recepción que todo traballador quere do seu traballo neste caso artístico. É unha conxunción de poesía, danza e música que Juana de Ibarbourou inspirou. Para min a arte, ante todo e sobre todo, é saúde e os compoñentes cos que conto na obra tamén, esa é a base. Por outro lado o texto é algo que desde sempre me sostuvo e nesta obra o primeiro que encontrei foi un poema de Juana de Ibarbourou que case resume a miña vida, e a partir de aí incorporar os meus textos foi unha importante aposta. Chegamos a unha conxunción dicimos poesía, danza e música, pero eu creo que é unha terra ao servizo do teatro. Foi un empeño persoal e da compañía que fora no Teatro de Ribadeo por razóns arquitectónicas e de preservación cultural”.
Marina Oural manifestou que “a obra xa tivo efectos de cara ao exterior e solicitáronos dun festival de Portugal con Luís Costa como produtor e creador. O día de hoxe é para nós importante ao presentar o vídeo por ter un recordo visual e un apoio profundo aí. A miña intención é andar os países de fala galego-portuguesa, e logo outra parte é Latinoamérica. Tamén é posible un festival en Euskadi, pero estábamos esperando o vídeo para iniciar a proxección. É unha aposta de todos”.
Nesta presentación celebrada este mediodía a bailarina Irene Álvarez Coto quixo “dar las gracias por todo el apoyo de Ribadeo y A Mariña. Esta obra viene a ser un reflejo de la vida y la vivencia dentro de la escena, y la reacción que hemos visto en el público en el estreno muy natural, muy empática y muy sincera. El vídeo es una pequeña muestra de algunos momentos de los que hay en la obra”.

Exit mobile version