Site icon Crónica3.com A Mariña

Galipizza volve sorprender coa decoración do seu novo local en Vigo

GALIPIZZA2017_Vigo1 INSTAGRAMViveiro 1-8-17. O Grupo Galipizza inaugura este mércores 2 de agosto un novo local no centro de Vigo, no número 48 da rúa Rosalía de Castro, unha zona céntrica moi próxima á área portuaria viguesa, entre as rúas Areal e García Barbón.
Esta firma hostaleira, con máis de 24 anos de experiencia como cervexaría, pizzería, hamburguesería e tapería; naceu en 1993 na cidade lucense de Viveiro e actualmente conta tamén con locais en Ribadeo, Culleredo, Santiago de Compostela e Oviedo; todos eles propios e ningunha franquicia.
Este novo local en Vigo, duns 250 metros cadrados, convértese no sexto local da cadea Galipizza e volve sorprender, como nas súas anteriores aperturas, por unha coidada decoración que neste caso está inspirada nos talleres mecánicos clásicos. Ademais da comida, os clientes poderán recrearse buscando os pequenos detalles que decoran o local.
Como viñan pedindo os seus seguidores do sur de Galicia desde hai tempo, agora xa se poderán degustar en Vigo os coñecidos pratos da marca, como as súas Galipizza, marca patentada de pizza artesanal, que se elabora no propio establecemento e que, en lugar da clásica mozarella, cóbrese con diferentes queixos galegos: queixo afumado de San Simón, de Arzúa, de Friol, do Cebreiro, de Teto e queixo picante galego.
A carta inclúe hoxe dezaseis variedades de Galipizza, con ingredientes tan orixinais e diversos como o lacón con grelos, chourizo, raxo, zorza, panceta, ovos de curral, gambas, algas, patacas, chacina, paleta ibérica, vieiras, polbo á feira, churrasco e criollo, ou cachopo.
Tamén merece a pena destacar as súas hamburguesas gourmet; as denominadas GalizBur Platino preséntanse en pan de elaboración propia e ingredientes tan variados como carne de boi, de tenreira galega ou de croca, zorza, chourizo, grelos, queixos galegos e asturianos… anque unha das súas hamburguesas estrela é de peixe: Mariña, elaborada coa apreciada pescada do pincho de Celeiro.
Os Compostelanos son unha liña especial de bocadillos en pan de elaboración propia, con salchicha alemá XL e outros ingredientes variados, como ovos rotos, paleta ibérica, queixo de San Simón, ensalada César, luras ou chourizo criollo.
A cociña mexicana e as racións clásicas son outros dos atractivos da ampla e variada carta de Galipizza, na que tampouco se debe deixar de probar o seu café de pota ou o tapeo en barra, sen dúbida outro dos puntos fortes do Universo Galipizza. Nas próximas semanas xa estará dispoñible a repartición a domicilio en Vigo.
O xerente do Grupo Galipizza, José Manuel Vázquez, amósase ilusionado con este novo paso adiante da empresa: “Estes días a nosa empresa acaba de cumprir 24 anos, e facelo abrindo un sexto local representa un grande éxito para tódalas persoas que colaboraron na historia de Galipizza”.
Coa apertura deste novo Galipizza en Vigo a marca por fin instálase no sur de Galicia, como demandaban os seus seguidores nas redes sociais: “Desde hai anos os clientes pedíannos un Galipizza en Vigo ou Ourense e por fin podemos darnos esa alegría. Temos clientes habituais de Vigo que se desprazaban ata Santiago só para comer nos nosos locais”.
A inauguración do novo Galipizza celebrarase este mércores 2 de agosto a partir das 8 da tarde e os visitantes poderán degustar gratuitamente os principais produtos da carta de Galipizza.

Exit mobile version