Site icon Crónica3.com A Mariña

O auditorio Pascual Veiga acollerá o domingo un concerto da Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela

Mondoñedo, 15 de agosto de 2017 .- O auditorio municipal Pascual Veiga de Mondoñedo acollerá este domingo, día 20 de agosto, un concerto de música a cargo da Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela.

O acto comezará ás 20:00 horas e desenvolverase ao abeiro dun programa musical que inclúe un concerto en Re para viola e orquestra de Stamitz con Pedro Romero de solista; continuará co Tango I de Tres tangos para bandoneón e orquestra do mestre Aitor Piazzolla con Pablo Sampedro ao acordeón solista; e rematará coa suite nº1 ‘Carmen’ de Bizet, con Margarita Guerra como solista ás castañolas.

A organización deste evento integrase na programación que está a desenvolver o Concello de Mondoñedo a través da que trata de impulsar e poñer ao alcance dos veciños e veciñas todos os recursos culturais que lle son posibles o ofrecer así unha “actividade cultural rica e variada”. Dende o Concello convidan a todos os que o desexen a desfrutar deste acto.

En relación a este concerto, dende o Goberno local tamén explican que a Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, nos seus inicios Orquestra do Espazo de Cámara, ten como obxectivo impulsar nos mozos universitarios e, por extensión na cidadanía, un proxecto educativo e cultural onde o eixo fundamental é a música.

Co patrocinio da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, o grupo que conforma a Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por Mario Diz, procura de maneira prioritaria a formación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música.

Exit mobile version