Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG recrimina ao PSOE por permitir a instalación en Burela dun circo con animais e pide ao Sr. Llano que prohiba o espectáculo

Burela, 1 de agosto de 2017. O BNG denuncia a presenza en Burela dun circo con animais e pide ao Sr. Llano que actúe de forma inmediata e non autorice este espectáculo no noso concello. O portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, lamentou que o Concello permita a presenza deste tipo de compañías en Burela e insta ao Sr. Alcalde a que cumpra cos acordos plenarios. Pillado lembrou que foi o propio PSOE quen presentou unha moción en 2015 para declarar a Burela “municipio libre de circos con animais”, moción que foi aprobada cos votos a favor de BNG e PSOE e a abstención do PP.

“É realmente triste que desde un Concello gobernado polo PSOE se incumpra unha moción presentada polo seu propio grupo político. O Sr. Llano demostra unha vez máis unha falta total de rigor e seriedade, como xa nos ten acostumados ultimamente”, indicou Pillado. O portavoz nacionalista engadiu que a moción aprobada en xullo de 2015 é moi clara a respeito da presenza deste tipo de espectáculos, pois recolle que non se permitirá “a instalación de circos con animais salvaxes, participen ou non no espectáculo, co fin de evitar o maltrato, a explotación ou calquera outra conduta que supoña un quebranto das idóneas condicións hixiénico-sanitarias nas que deberían estar custodiados este tipo de animais, así como co fin de garantir a seguridade cidadá ante posibles escapes”.

Exit mobile version