Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo clausurou unha nova edición do programa “enredos de verán” no que participaron máis de 100 nenos

310817 Festa Final Enredos de VeránCervo, 31 de agosto de 2017. O Concello de Cervo clausurou hoxe unha nova edición do programa Enredos de verán que se desenvolveu ao longo dos meses de xullo e agosto, no que participaron máis de 100 nenos.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Educación e Xuventude, Dolores García Caramés, acompañaron aos rapaces na Gran Festa Final que tivo lugar esta mañá na Casa do Mar.
Os nenos gozaron dunha xornada de diversión, con bailes, talleres de globoflexia, de maquillaxe, de chapas, decoraron bolsas de cartón coa técnica de scrapbooking, fixeron unha guerra de espadas, e recibiron un agasallo sorpresa, entre outras actividades.
Os Enredos desenvolvéronse ao longo de dous meses e estiveron dirixidos aos rapaces de entre 3 e 12 anos.
Caramés sinalou que “foi unha edición de récord, cunha gran participación e implicación por parte de todos os rapaces que se sumaron ao completo programa que deseñamos e no que tivemos, por exemplo, unha semana adicada á seguridade na que se instalou un circuíto de karts na propia Praza dos Campos, puideron recibir unha clase práctica de primeiros auxilios e ata subir a bordo do barco da Garda Civil. Houbo outra semana adicada á concienciación medio ambiental, e todo tipo de xogos e deportes acuáticos como o surf, o paddle surf, kaiaks, unha ginkana de auga, ademais de direrentes obradoiros e actividades ao aire libre”.
O rexedor pola súa banda suliñou que “con esta ampla e diversificada programación tentamos cumprir dous obxectivos, por unha banda facerlle aos nenos o verán máis atractivo e ameno cunha oferta lúdico-deportiva variada e completa; como cremos que así foi; ao tempo que lles brindamos ás familias unha ferramenta de conciliación nestes meses estivais. Ademais, -engadiu-, “as actividades serviron para favorecer as relacións persoais e fomentar a socialización dos nenos que compartiron o seu tempo de ocio con outro veciños e tamén visitantes que participaron no programa, facendo novas amizades”.
Coa clausura dos Enredos de Verán remata a axenda lúdico-deportiva que programou o Concello de Cervo e que se asentou fundamentalmente en catro piares: As Noites Alternativas (nas que participaron máis de 1000 persoas); Repasando en Verán, Xuventude no Verán, e os propios Enredos.
Un programa diverso, co que, tal e como apuntou Villares tentamos ofrecerlles aos mozos de todas as idades alternativas saudables e enriquecedoras para o seu verán.

Exit mobile version