Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo limpará de maleza preto de 300 quilómetros de superficie de todas as parroquias, o que contribuirá a avanzar nunha mellor imaxe do rural da localidade

Mondoñedo, 30 de agosto de 2017.- O Concello de Mondoñedo prosegue cos traballos de limpeza de maleza e desbroces na localidade; uns labores que supoñen actuacións en 282,76 quilómetros de superficie comprendidas en 14 parroquias ao longo de todo o termo municipal.

Así o avanza a alcaldesa, Elena Candia, quen precisa que estas actuacións se inclúe dentro dun plan integral de desbroce do rural posto en marcha pola Concellería de Obras e Medio Rural do Concello e que conta co financiamento da Xunta de Galicia. A Xunta concede 11.250 euros para labores de prevención aos que sumar 15.934,62 euros para labores de vixilancia e extinción.

Candia engade que “os traballos alcanzarán preto dos 300 quilómetros de maleza ao longo de todas as parroquias” e remarca a importancia destes labores “moi necesarias para as zonas rurais do municipio mindoniense e que contribúen a avanzar nunha nova imaxe do rural da localidade”. Actuacións, engade, “enormemente” beneficiosas para incrementar a seguridade dos peóns e dos condutores ao tempo que se contribúe á loita contra os incendios forestais”.

A alcaldesa apuntou que con estes traballos o Goberno local “segue a darlle cumprimento ao seu compromiso de levar a cabo un plan de desbroces planificado no rural” asumido á súa chegada ao Goberno da cidade mindoniense.
“Dámoslle resposta ás peticións dos veciños e veciñas que me teñen trasladado a necesidade de mellorar os camiños do rural do noso Concello, unha reclamación que compartimos desde o Goberno local”. Así, ao igual que en 2016, o Goberno local explicará estas actuacións en todas as parroquias beneficiadas.
Limpeza das parroquias e das áreas emblemáticas do municipio
En concreto, con estas actuacións desbrozarase co tractor un total de 10,39 km en Oirán; 17,31 en Couboeira; 7,95 en Figueiras; 20,46 en Masma; 16,40 en Viloalle; 36,39 nos Remedios; 14,78 en Vilamor; 14, 71 en Santiago; 4,45 en San Vicente; 2,89 en Sasdónigas; 13,47 en Lindín; 104,83 en Santa María Maior; 8,17 no Carmen e 10; e 58 en Armoso. En total suman 282,76 quilómetros nos que se intervirá.
A alcaldesa indicou tamén que a brigada municipal de obras limpará a man 12,7 hectáreas de superficie en diferentes zonas do rural mindoniense como as áreas recreativas de Lindín, Vilamor, Masma e Oirán, así como en dez núcleos do rural de difícil acceso para a maquinaria.

Exit mobile version