Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo comeza o 5 de setembro a recollida porta a porta dos plásticos agrícolas

Ribadeo, 18 de agosto de 2017. A Concellaría de Xestión de Residuos informa que o día 5 do vindeiro mes de setembro dará comezo a recollida porta a porta dos plásticos agrícolas. As persoas interesadas deben chamar previamente ao número de teléfono 982 120 701, antes do 1 de setembro.
O Concello ven de editar un bando no que informa que “o martes 5 de setembro comezará a recollida porta a porta dos plásticos agrícolas por parte da empresa Soluciones Integrales para el Medio Ambiente, SL, transportista profesional de residuos autorizado pola Xunta de Galicia”.
O bando engade que “a recollida prolongarase durante os días que sexan necesarios para atender todos os avisos de recollida recibidos en tempo e forma. Para asegurar que o servizo se presta nas condicións idóneas, todas as explotacións que precisen a recollida procurarán ter os plásticos en lugar adecuado e facilmente accesible para o camión de recollida, e solicitarano nas dependencias do Concello de Ribadeo ou a través do teléfono 982 120 701, en horario habitual ata o venres 1 de setembro de 2017”.
Dende a área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo agradecen “a máxima colaboración posible no desenvolvemento deste servizo, principalmente á hora de dispoñer convenientemente os plásticos no lugar de recollida”.
Observación astronómica
Ribadeo será escenario de dúas observacións astronómicas nos vindeiros días, tal e como ven ocorrendo desde hai anos durante o verán. Este programa desenvólvese baixo o título Todo Cosmos, a astronomía ao alcance de tod@s.
As observacións astronómicas terán lugar os días 20 e 30 deste mes. Serán a partires das 22:00 horas na Praza de España e están abertas a todo o público que desexe participar. A que se celebrará este domingo estaba prevista para o pasado luns, pero non puido celebrarse por mor dos ceos cubertos que se rexistraron nesa xornada.
Organizan esta actividade: Concello de Ribadeo, a través da Delegación de Sostibilidade Ambiental, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, a Universidade de Santiago de Compostela e a Federación Española para la Ciencia y la Tecnología.

Exit mobile version