Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro solicita a colaboración da cidadanía no depósito de enseres

Viveiro 9-8-17. Dende o Concello de Viveiro solicitamos a colaboración da cidadanía no depósito de enseres como mobles e electrodomésticos ao lixo; por parte do concello todos os mércores se realiza a recollida daqueles enseres que previo aviso se anotan no concello nunha lista con data de depósito e recollida e, nestas datas ante o extenso número de peticións e a imposibilidade de completar a recollida semanal nun só día se continúa coa mesma ao día seguinte.

Tendo en conta que Viveiro cunha poboación de 16.000 habitantes, duplicada nestas datas; co depósito de enseres que se está a realizar, de xeito reiterado en determinadas zonas, sen o correspondente aviso para a súa recollida supón un risco que pode ocasionar danos a veciños e visitantes, proxectando así mesmo unha imaxe deplorable; polo que, pedimos á poboación un comportamento cívico neste sentido e unha actitude de colaboración solicitando no concello e respectando a lista de espera para depósito e recollida dos enseres.

Lembrar tamén que materiais de obra (escombro, pranchas de fibrocemento, alicatados…) así como restos de poda, non entran na recollida de enseres que fai o concello. Os veciños terán a obriga de xestionalos en vertedoiros autorizados ou plantas de tratamento de residuos. Entrando dentro da recollida que fai o concello mobiliario (camas, somieres, colchóns, sofás…), electrodomésticos (neveras, lavadoras, conxeladores…), roupa (depositada gardada en bolsas pechadas).

Así mesmo, informamos da existencia dun punto limpo, gratuíto para os empadroados en Viveiro, no que nos casos de urxencia poden depositar enseres que sexan transportables nun turismo.

Advertir que, no caso de que se sigan a depositar enseres sen ter en conta o sistema de recollida, verémonos na obriga da imposición das correspondentes sancións a aqueles que incumpran.

Exit mobile version