Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello realizará en setembro obras de mellora na Rúa Deputación. O investimento, de fondos propios, ascende a 13.000 euros. Suárez Barcia asegurou que esta vía está deteriorada “polo paso excesivo de camións de gran tonelaxe”

20170816_132858Ribadeo, 16 de agosto de 2017. O Concello realizará obras de mellora na rúa Deputación. A actuación prevé intervir nas zonas máis deterioradas e posteriormente quedará prohibido o paso aos vehículos de gran tonelaxe. O presuposto ascende a 13.000 euros, procedentes de fondos propios, e as empresas interesadas teñen de prazo ata o día 25 deste mes para presentar as súas ofertas. Estas obras levaranse a cabo durante o mes de setembro, segundo anunciou o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor dixo que “estamos tendo problemas desde hai tempo na rúa Deputación. Esta rúa amañouse hai sete ou oito anos, pero ultimamente temos varios problemas en parte do pavimento que están deterioradas, que se foron rompendo seguramente polo paso excesivo de camións de gran tonelaxe e estes días queremos proceder ao seu arranxo”.
Suárez Barcia explicou que “licitamos a través dun proxecto aberto que estes días está colgado no perfil do contratante, para que todas aquelas empresas que o desexen poidan participar. As interesadas teñen de prazo ata o día 25 deste mes. O presuposto ascende a 13.000 euros, procedentes de fondos propios”.
O alcalde ribadense relatou que “o que imos facer é intervir naquelas zonas do pavimento que actualmente se atopan en mal estado, reconstruíndo e reparando as afectadas cos mesmos materiais e grosores. Imos actuar sobre tramos completos sinalados polas diferentes xuntas de dilatación que hai ao longo desa rúa. Posteriormente imos pintar estes novos tramos reparados, imos colocar uns fitos tamén para que os vehículos non invadan as zonas de beirarrúa, concretamente no encontro coa rúa San Francisco. E por último imos dispoñer unhas sinais de tráfico para impedir que pasen vehículos de gran tonelaxe”.
Fernando Suárez espera que “con estas obras que se farán calculamos que en setembro, confiamos volver repoñer con toda normalidade e funcionalidade esta rúa Deputación, que é moi importante porque canaliza moito tráfico da zona das parroquias”.

Exit mobile version