Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación aproba rehabilitar o Fogar de Santa María para ampliar servizos provinciais como o de Recadación

ROLDA DE PRENSA XGLugo, 21 de agosto de 2017. O Executivo Provincial aprobou na Xunta de Goberno o proxecto de rehabilitación do Fogar de Santa María, así como o inicio do seu proceso de contratación, co obxectivo de ampliar servizos que a Deputación presta aos Concellos e veciños da provincia, como o de Recadación. Previsiblemente, esta semana publicarase no Boletín Oficial da Provincia o proxecto para que todas as empresas interesadas presenten as súas ofertas. O presuposto máximo que destina o organismo provincia é de 1,8 millóns de euros (335.000 euros con cargo ao orzamento deste ano e 1,5 millóns do de 2018). O prazo máximo de execución das obras é de 10 meses. O presuposto definitivo das obras e o prazo de execución das mesmas dependerá das propostas recibidas.

Así o informou hoxe o voceiro do Goberno da Deputación. Álvaro Santos Ramos explicou que o proxecto implica a rehabilitación integral de 2 dos 9 pavillóns que conforman o Fogar de Santa María. “Con estas obras poñemos en valor o patrimonio público en beneficio de todos os veciños e reforzamos as prestacións que ofrecemos aos Concellos, ganando espazo para unha mellor atención”.

Trátanse do edificio principal e do pavillón 2 cuxo uso por parte do Concello de Lugo está cedido á Deputación por 99 anos. Para a súa rehabilitación, os técnicos de ambas as dúas administracións acordaron un proxecto axustado ao PEPRI, polo que non require de máis permisos que a licencia municipal que xa se está a tramitar.

Servizos e obras
Na planta baixa do edificio principal do Fogar de Santa María situarase Recadación, un dos servizos provinciais con maior carga de traballo, pois a día e hoxe asume a de 62 Concellos. Actualmente, esta prestación atópase nun local alugado na rúa Tui da capital luguesa, que conta cunha extensión de 450 metros cadrados. Coa súa reubicación, Recadación duplicará a súa extensión útil, ocupando 900 metros cadrados. Ademais, a Deputación aforrará 3.200 euros mensuais do aluguer.

Na primeira planta do edificio principal, que conta con outros 900 metros cadrados, situaranse o departamento de Cooperación cos Concellos, que conta con servizos como o de Asistencia Económica, Xestión Administrativa, Plans Especiais ou Urbanismo, entre outros, ademais do de Medio Ambiente. E no baixo cuberta, con practicamente a mesma extensión, haberá un arquivo propio destas dependencias.

O outro pavillón é o 2, con 700 metros cadrados útiles en 2 plantas de 350 metros cada una. Neste instalarase o departamento de Asesoría Xurídica, outro dos departamentos que foi adquirindo máis carga de traballo, pois hoxe atende a numerosas cuestións de todos os Concellos da provincia. Tamén contará cun arquivo propio na zona alta.

As obras en todas as dependencias implican a mellora das fachadas e a rehabilitación integral dos interiores, adaptándoas ás necesidades dos distintos departamentos e facéndoas accesibles a persoas con capacidades diferentes. Por exemplo, situaranse ascensores ou ramplas. Tamén se mellorarán os sistemas de calefacción e climatización para que o edificio sexa máis eficiente e aforrar custos correntes.

Proxecto máis vantaxoso en defensa do intereses dos cidadáns
O Goberno Provincial traballou na procura do proxecto máis vantaxoso en defensa do intereses dos cidadáns como responsable da xestión dos fondos públicos de todos os veciños dende a Deputación de Lugo. Unha das alternativas estudadas foi a compra do edificio da Cámara de Comercio para levar ao mesmo Recadación. Esta descartouse por cuestións económicas e legais. A suma da compra deste inmoble e das obras de reconstrución era máis custoso que a rehabilitación do Fogar de Santa María. A maiores, coa adquisición deste edificio a Deputación de Lugo adquiriría outras cargas que puidese ter a Cámara de Comercio. A fórmula legal de venda deste edificio é o concurso. A compra directa requirise dunha clara xustificación da súa idoneidade para que se axuste á legalidade. Coa rehabilitación do Fogar de Santa María afórranse cartos públicos e mellorase o patrimonio público dos lucenses. Hai que ter en conta que estas instalacións son do Concello de Lugo e están cedidas á Deputación máis alá do 2040, así como que chegada esta data e no caso de que o Concello quixese recuperar o seu uso municipal tería que abonar ao organismo provincial as melloras feitas. Ambos os dous Gobernos (provincial e municipal) apostan pola posta en valor e uso público do Fogar de Santa María e estudan máis colaboracións para reforzar o seu uso público sen máis custos económicos para as administracións que xestionan.

Exit mobile version