Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación dinamiza a economía da provincia con 80.000 euros para 10 citas turísticas ó longo da fin de semana

Lugo, 11 de agosto de 2017. O Goberno da Deputación dinamiza a economía da provincia con 80.000 euros que permiten a celebración hoxe e a fin de semana de 10 citas turísticas no conxunto do territorio lugués. Faino no marco do seu Plan Estratéxico de Turismo, que establece a promoción das singularidades dos Concellos asociadas á cultura, natureza, gastronomía ou modo de vida, como factor decisivo para atraer visitantes á provincia e xerar riqueza e emprego a través do turismo.

Deste xeito, agárdase a asistencia de milleiros de persoas á provincia, que participarán, este venres, no Rabafolc en Rábade, na Festa da Comunidade en Quiroga ou no Mercado Medieval de Mondoñedo, que comeza hoxe e se prolonga durante toda a fin de semana; o sábado, na Heroica-Gran Premio Deputación de Lugo na Ribeira Sacra, na Feira do Cabalo da Ulloa, nos Cantos de Taberna en Muras, na Feira de Produtos Artesanais de Samos, no inicio da Feira do Libro de Viveiro ou en Navia de Suarna, con actividades deportivas e fluviais; e, o domingo, na Feira de Artesanía e Gastronomía de Castroverde ou na de Ferreira de Pallares, en Guntín.

Venres, citas en Rábade, Quiroga e Mondoñedo
Hoxe, venres 12 de agosto, hai citas en Rábade e Quiroga, ao tempo que arranca a de Mondoñedo. Todo isto, grazas aos 48.000 euros que decidiu achegar o Goberno Provincial, convertendo á Deputación na principal patrocinadora do XXIII Rabafolc, da XII Festa da Comunidade no municipio quirogués e do XXVI Mercado Medieval da cidade mindoniense.

De dita cantidade, son 8.000 euros os que o Executivo Provincial achega á celebración do festival de música folk de Rábade, que prevé hoxe a asistencia dunhas 2.000 persoas para seguir os concertos gratuítos de Os Cempés, Pepe Vaamonde, Anxo Lorenzo e do grupo irlandés Dubhlinn. Outros 8.000 euros son para a XII Festa da Comunidade de Quiroga, que tamén agarda a participación este venres de centos de persoas como en anteriores edicións, que desfrutarán dun festival de música e danza tradicional a cargo de Arume da Queiruga e Danza San Martiño, así como da actuación do mago Manuel Lamas, entre outras actividades.

Hoxe e ata o domingo incluído, terá lugar o Mercado Medieval de Mondoñedo grazas aos 32.000 euros que decidiu achegar o Goberno Provincial, facendo da Deputación a administración que máis colabora con esta cita, capaz de atraer a milleiros de visitantes. A programación conta con máis de 70 actividades: actuacións musicais, demostracións artesanais, degustacións, teatro, actividades infantís…todo isto para recrear o pasado medieval da cidade mindoniense.

Sábado, citas en Monforte, Palas de Rei, Samos, Muras e Viveiro
Cun investimento de 25.000 euros, o Goberno Provincial contribúe á celebración este sábado de citas turísticas en Monforte de Lemos, Palas de Rei, Samos, Muras, Viveiro e Navia de Suarna, que atraerán a milleiros de visitantes, dinamizando a economía local.

No embarcadoiro de Doade, no municipio monfortino, 600 nadadores – xa inscritos- chegados de diferentes puntos de España e do norte de Portugal, xunto aos seus equipos, familias ou amigos, participarán na Heroica, Gran Premio Deputación de Lugo – Regina Viarum. Trátase dun evento deportivo, que tamén inclúe visitas guiadas pola Ribeira Sacra. O Executivo Provincial é o seu principal promotor con 10.000 euros.

En Vilar de Donas, Palas de Rei, terá lugar a XXVI Feira do Cabalo da Ulloa, que conta cunha achega de 3.000 euros por parte do Executivo Provincial. Participarán ducias de xinetes e máis de 60 cabezas de gando, 15 profesionais dos sectores da produción ecolóxica e da artesanía. Tamén haberá concertos, exhibicións de carros tradicionais ou contacontos.

Son 6.000 euros os que inviste o Executivo Provincial na celebración da XXI Feira de Produtos Artesanais de Samos, que contará con exposicións de produtos elaborados manualmente, actividades como a malla do cereal, bailes tradicionais…

No Concello de Muras, celebrarase a 1º edición dos Cantos de Taberna polos establecementos da localidade. Esta pioneira iniciativa conta cunha axuda de 3.000 euros por parte da Deputación e co obxectivo de dinamizar a economía local.

E en Viveiro, arrancará o sábado e ata o mércores 16 de agosto a Feira do Libro. Reunirá 10 expositores. Ofreceranse descontos do 10% nas publicacións. O Goberno da Deputación colabora con 3.000 euros coa Federación de Libreiros de Galicia.

Na Montaña, actividades deportivas fluviais
Na Montaña, concretamente en Navia de Suarna, o sábado arrancará a programación deportiva fluvial do Executivo Provincial. A praia Proba de Navia acollerá actividades gratuítas e para todos os públicos. Por exemplo, tobogáns, balancíns, pulpos, rocódromos acuáticos, pistas de obstáculos, kaiaks, waterballs… animacións musicais ou xogos populares. Todo baixo a supervisión dun coordinador e de entre 6 e 12 monitores para desfrutar do río e da súa contorna con seguridade.

Domingo, citas en Castroverde e Guntín
En Castroverde, celebrase a Feira de Artesanía e Gastronomía. O Executivo Provincial colabora cunha achega de 6.000 euros na organización desta cita, que inclúe demostracións de oficios tradicionais, maxia, actuacións musicais, degustacións de produtos típicos e ata un desfile de moda. Tamén o domingo, Ferreira de Pallares, en Guntín, haberá feira e demostracións artesanais, que organiza a Asociación de Amigos do Mosteiro coa colaboración do Goberno da Deputación.

Exit mobile version