Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade quere manifestar a súa máis enérxica condena polo asasinato machista ocorrido na Coruña e trasladarlle un profundo pesar á familia e amizades da vítima

A Mariña 22 de agosto de 2017. Queremos sinalar que a longa lista de mulleres vítimas da violencia de xénero non se detén, e advertimos da perigosidade que implica a naturalización da violencia contra as mulleres convertindo estes crimes soamente en datos estatísticos aos que a sociedade se vai acostumando.

Desde o Observatorio seguimos denunciando a necesidade de máis esforzos e medios para combater esta situación de alarma social contra as mulleres, e esiximos ás institucións que se poñan a disposición da sociedade con todos os recursos materiais e humanos precisos para que, de maneira definitiva e rotunda, desde calquera ámbito sexamos quen de rematar coa discriminación das mulleres en xeral e coa violencia machista en particular.

Non podemos esquecer que a violencia de xénero comeza a manifestarse cada vez a idades máis temperás, onde o limiar de tolerancia é moi alto. É por isto que incidimos e insistimos en que a solución á violencia machista debe ter como piar fundamental a educación, e estar baseada no fomento da educación en igualdade a través de valores coeducativos.

Reivindicamos e esiximos que, dunha vez por todas, o terrorismo machista sexa considerado unha cuestión de Estado para loitar contra os feminicidios desde xa. Así como que se tipifiquen como tal todos os asasinatos que se producen no marco do sistema patriarcal onde os homes resolven os seus conflitos usando sistematicamente a violencia contra as mulleres, como este que acaba de acontecer na Coruña. Necesitamos feitos, non palabras. Necesitamos medios, non minutos de silencio.

Desde o feminismo, seguiremos loitando contra o machismo todos os días e non nos cansaremos de esixir unha e outra vez as mesmas reivindicacións. Porque queremos vivir nun mundo no que a igualdade real entre homes e mulleres sexa unha realidade. Porque vivir sen violencia é un dereito!

O MACHISMO MATA. QUERÉMONOS VIVAS.

Exit mobile version