Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén fai suar ao Palma

pope-palmaburelabonita17Burela 19-8-17. Non llo puxo nada doado esta tarde o Pescados Rubén Burela FS a un dos pratos fortes de Primeira División, o Palma Futsal, que só puido apropiarse da terceira praza do Torneo Burela Bonita na recta final da cita e con xogo de cinco (2-1).

Álex evitou o primeiro dos insulares superada a medianía da primeira parte, no minuto 11, cun pé prodixioso ante un mísil de Tomaz, e máis tarde, no 13, despexando a artillería de Diego Favero. Ata o momento aos dous equipos resistíraselles a rede; non chegaran con claridade á meta rival salvo no minuto 2, o primeiro perigo da cita, de Chus, e no 3, de Pazos ante un atento 13 burelista. Aplicouse a defensa laranxa para frear ao Palma; Maico (minuto 14) e Chicho (minuto 15) intentaron sorprender por arriba sen éxito. Os da Mariña souberon manter a calma pero non conseguiron materializar as súas mellores ocasións, unha galopada de Hélder que se marchou desviada ante un adiantado Barrón (17) e un saque de esquina que a punto estivo de entrar nun despexe de David Pazos (18). Foi precisamente o 20 insular o encargado de servirlle en bandexa a Diego Quintela, pegado ao pau, o 1-0 a falta de 31 segundos para o final da primeira parte.

Con cambios en ambas as porterías, con Nico Sarmiento e Edu, os primeiros compases tras o descanso transcorreron na área laranxa. Frearon as embestidas insulares e aproveitaron os de Juanma Marrube para asinar en empate na súa primeira ocasión clara, no minuto 23, nas zapatillas de Renato, que chegou ao bordo da portería para cazar a tentativa de Colacha. O gol foi o pulo que precisaban os anfitrións para dar un paso adiante. Pope, no 29, tivo unha de ouro para tomar vantaxe; antes Renato xa avisara por partida dobre a balón parado. Chus e Hélder volveron á carga no 32, con boa resposta de Nico Sarmiento.

Con cinco faltas, Palma apostou o todo polo todo nos tres últimos minutos e medio con porteiro xogador e Maico atopou o 2-1 (minuto 38). A reacción laranxa foi tamén de xogo de cinco, alternando con Chus e Renato, aínda que sen a recompensa desexada e merecida.

Ficha técnica

Palma Futsal: Barrón, Éder, Chicho, David Pazos, Diego Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Eloy Rojas, Joselito, Diego Favero, Maico, Tomaz, Lolo, Nico Sarmiento

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Chus, Colacha, Renato, Pope, cinco inicial; tambié xogaron Víctor, Cora, Hélder, Luisma, Matamoros, Edmilson, Edu,

Goles: 1-0, minuto 20, Diego Quintela; 1-1, minuto 23, Renato; 2-1, minuto
38, Maico

Arbitros: Rivas Fouz // Coello Martínez. Por Palma amarela a Diego Quintela (minuto 30). Por Pescados Rubén amarela a Víctor (minuto 18);

Incidencias: Partido co terceiro e cuarto posto do Torneo Burela Bonita en pugna disputado en Vista Alegre con arredor de 600. Minuto de silencio polas vítimas do atentado de Barcelona.

Exit mobile version