Site icon Crónica3.com A Mariña

O prazo para inscribirse no primeiro certame de teatro afeccionado que convoca o Concello de Lourenzá remata o 30 de setembro e xa hai varias compañías que se amosaron interesadas en participar

Lourenzá, 22 de agosto de 2017. O prazo para inscribirse na primeira edición do certame de teatro afeccionado que convoca o Concello de Lourenzá rematará o día 30 de setembro e xa hai varias compañías que se amosaron interesadas en participar. Así o explicou hoxe o concelleiro de Cultura, Manuel Arango.
As representacións a cargo dos grupos que superen o proceso de selección terán lugar no salón de actos do Concello os sábados e domingos dos mes de novembro deste ano. E o primeiro domingo de decembro celebrarase a entrega de premios nunha gala na que haberá unha representación teatral profesional.
Cada compañía de teatro seleccionada recibirá 300 euros en concepto de participación, desprazamento, montaxe, etcétera. E ademais haberá seis premios: o Conde Santo á mellor representación, dotado con 600 euros e trofeo; e cinco premios que consistirán en trofeos, que son Lourenzo, ao mellor actor; Ana, á mellor actriz; ao mellor actor de reparto; á mellor actriz de reparto; e á mellor posta en escena.
Para a organización deste certame o Concello de Lourenzá conta coa colaboración da Deputación de Lugo.

Exit mobile version