Barreiros (Lugo), 1 de agosto de 2017.- A voceira do PSOE en Barreiros, Mari Carmen Veiga, presentou ao Pleno do mes de xullo unha batería de case 30 preguntas para coñecer cales son as razóns da “crítica situación que están a atravesar as praias do Concello”.
Veiga criticou que “mentres os socialistas no Concello, na Deputación e no Parlamento traballamos para solucionar os problemas que temos nas praias de Barreiros; os Populares, tanto dende a Xunta de Galicia como dende o Concello, non fan nada para poñer fin a esta situación que prexudica gravemente a un dos sectores estratéxicos da economía local, como é o turismo”.
A voceira referiuse, concretamente, aos problemas de seguridade e salubridade das praias de Anguieira, Coto, Arealonga e Longara. Carmen Veiga solicitou ao Alcalde que “traballe para conseguir que os areais se atopen nunhas condicións de limpeza e hixiene mínimas, que permitan que os veciños e visitantes desfruten en condicións dunhas das mellores praias da nosa provincia”. Carmen Veiga criticou que, por exemplo, o baño estea prohibido na praia de Arealonga debido á cantidade de vertidos residuais sen depurar que chegan á mesma”.
“Sorpréndenos tamén a incapacidade do propio Fuente Parga que, a diferenza dos seus compañeiros de partido, non conseguiu nin un só euro da Xunta de Galicia para este fin, a pesares de que o Goberno Galego ten as competencias neste eido por tratarse dunha zona de especial conservación dentro da Rede Natura 2000”, sentenciou.
Carmen Veiga referiuse aos convenios asinados pola Xunta de Galicia dende xuño a decembro de 2016, por valor de 13.1 millóns de euros con Concellos Gobernados polo Partido Popular. A voceira puxo como exemplo ao Concello de Foz, que acadou un investimento de 8 millóns de euros para mellora do servizo de saneamento e depuración do Concello. “Non comprendemos por que Fuente Parga non defende os intereses do noso Concello fronte aos seus compañeiros da Xunta de Galicia, nun tema tan importante para o municipio, e para a provincia, como é o das augas residuais”.
A voceira tamén criticou que varios dos areais do Concello parecen “escombreiras” pois acumulan grande cantidade de restos de pedra de obra, fibrocemento, ladrillos ou formigón que ademais de contaminar supoñen un risco para os usuarios das praias.
Compromiso dos socialistas na Deputación
Mari Carmen Veiga explicou que “os únicos que estamos a buscar solucións no eido dos vertidos e do saneamento somos os socialistas pois o Goberno da Deputación aprobou instar a Xunta de Galicia a realizar as obras necesarias para mellorar o saneamento no Concello de Barreiros, concretamente o de San Miguel e Santiago de Reinante, co fin de evitar que as augas residuais cheguen a Arealonga. A proposta saiu adiante a pesar do intento de bloqueo do Partido Popular, que votou en contra desta proposta”.
Falta de seguridade
Outros dos aspectos que os socialistas de Barreiros critican, é a falta de seguridade nalgunha das praias máis concorridas por veciños e visitantes. Neste senso, explicou que “antes, había 32 socorristas que prestaban os seus servizos nas praias de Barreiros dente o 15 de xuño ao 30 de setembro. Agora, o Alcalde decidiu reducir o número destes profesionais en case un 30%, uns 23, que comezaron a traballar cara o 6 de xullo; case 1 mes máis tarde en relación a anualidades pasadas. Esta redución o que trae consigo é unha merma no servizo e, polo tanto, na seguridade dos veciños”.
Por outra banda, a voceira do Grupo Municipal Socialista, valorou tamén “os problemas de seguridade, sobre todo para os máis pequenos, do ostrón xaponés, unha especie invasora que está a encher praias tan emblemáticas da nosa vila como a de Angueira. Este tipo de bivalvo invasor, de grandes dimensión, posúe unha cuncha afiada que, tal e como recoñeceu o Alcalde, produciu máis de 17 feridos durante as últimas semanas; a grande maioría nenos. Preguntado a Fuente Parga por este aspecto, o rexedor contestou que “a Xunta de Galicia non permite a súa retirada”.