Lugo 1-8-17. O Concello de Mondoñedo colabora con este proxecto, ‘Sons de Gallaecia’. Durante a súa intervención, Elena Candia subliñou a importancia de que ‘Sons de Gallaecia’ teña a súa parada tamén na “nosa cidade, sendo a localidade máis humilde das tres nas que se desenvolve este proxecto”. A Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia ofrecerá concertos en Mondoñedo, Vilalba e Lugo.
Neste eido, a alcaldesa tivo palabras de orgullo polo leitmotiv desta xira 2017, “co recoñecemento a un dos nosos mindonienses máis ilustres, Pascual Veiga” e agradeceu o acto que se celebrará o venres en honor ao insigne escritor.
A actuación na localidade da Mariña está programada para este venres, 4 de agosto, ás 20 horas, na Praza da Catedral de Mondoñedo.
Nesta Xira 2017, a Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia fai unha viaxe musical por Mondoñedo, Vilalba e Lugo; a mesma que fixo o compositor e músico Pascual Veiga, mindoniense e autor da música do himno de Galicia, durante o traslado dos seus restos mortais a Mondoñedo dende Madrid, parando e recibindo homenaxes en Lugo e Vilalba. Con motivo da celebración do 110 aniversario da primeira interpretación do Himno Galego (La Habana, 1907); a Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia realizará este venres, 4 de agosto, unha ofrenda floral a Pascual Veiga no cemiterio de Mondoñedo.