Site icon Crónica3.com A Mariña

RELATO CURTO SOBRE CORISTANCO

Fodíalle moito saír da Coruña para investigar cousas na Provincia, que lle ía facer tocoulle por reparto un estraño suceso na chamada “Capital da Pataca”. Tiña pensado, como de costume, parar antes nalgunha poboación cércana, sempre se recibe información de calidade tomando café nun bar, a xente é dada a falar.
Parou en Carballo para tomar un café, preto do centro, sabía que por alí pasaban todas as novas de Bergantiños. Puxo a orella nun grupo de donas que viñan de facer receitas, información entrecortada, todo o mundo falaba do suceso de Coristanco, pero o inspector non quería que o seu traballo fora coñecido, aínda non, por iso non preguntou. O señor da boina falaba rápido con acento de Malpica, cona que difícil de entender, só escoitou claro: tellado, golpe e cancela. Pouco era, pero tiña algo para comezar.
Chegou á tarde á praza do Concello, case choca con un tractor que ía cheo de patacas, que terra rica está pensou. Fixouse na xente e percibiu rostros de preocupación, case de malestar, a típica cara de estar pasando un momento pouco agradábel, poucos entendían o suceso, non é grato estar en todas as conversas do País, aínda que non sexa directamente.
Todo apuntaba a un accidente, a esas cousas de carácter persoal, a un triste episodio que so o tempo fai que se esqueza. Foi falando con veciños, foi tomando pulso; cada vez vía máis clara e importante a pista de Carballo: tellado, golpe e cancela. Preto das 7 da tarde tiña xa o seu atestado, colleu o coche e foi cara a Coruña, aínda chegaba a ver o Depor, que sorte. Sentouse no escritorio da comisaria e redactou a nota para o Xefe:

ATESTADO INFORME:

A finada naceu en maio, non foi un parto fácil. Non estaba claro o Pai. por decisión da maioría elixiron de titor a un tal Amancio. Pero por capricho de algún, o de menos votos, querían cambiar este titor. Para tal decisión era necesaria a intervención das familias de Santiago. Logo de xuntanzas e conspiracións actuaron, co seguinte resultado:
En Coristanco alguén deu un golpe a Dona Democracia, esta esvarou polo Tellado (mollado de indiferenza) e bateu de morte contra a Cancela pechada. En definitiva DEMOCRACIA foi asasinada en Coristanco por unha man oculta coa acción pasiva dun tellado e dunha cancela, actores pasivos pero necesarios. As maiores vítimas os veciños e veciñas.

COMPRE INVESTIGAR.

Exit mobile version