Doural subliñou que “o balance do fórum a verdade é que foi moi bo. Quizais o mellor fórum de todos os que se levan feito pola participación que aumentou respecto ao ano pasado, e pola calidade das ponencias, que foi impresionante. Todos os anos se invita a novas empresas e nunca se sabe se van responder aos obxectivos do fórum, pero foron moi ben. A participación dos profesores alemáns foi extraordinaria, creo que deron unha visión moi clara de cómo se está traballando o sistema dual en Alemaña,e isto, cómo dicía o outro día un empresario que estivo presente, fainos reflexionar sobre o que estamos facendo aquí e qué debemos cambiar”.
O presidente de APAGA dixo: “en relación aos talleres tamén foron moi ben, incorporáronse dous talleres novos. O de son foi fabuloso e impartido por unha empresa de Coruña. Moitas veces non hai que ir moi lonxe para traer xente competente, e o taller de 3D tamén. Desas actividades posiblemente vai saír algún curso dos que se farán durante a fin de semana”.
Nas ponencias desta mañá participaron representantes de BMW e de PSA, así como un técnico de diagnose de vehículos.
Asamblea xeral de APAGA
Respecto á celebración da asemblea xeral de APAGA, Álvaro Doural contou que “se renova parte do equipo directivo e se incorpora unha persoa que xa estaba colaborando con nós, que é Juan José Fernández Martínez, profesor da comunidade de Murcia. Pensando no número considerable que hai xa de fora de Galicia, hai que ir empezando a incorporar xente doutras comunidades que teñan tamén a súa cota de poder e de decisión dentro da asociación”.
O reelexido presidente de APAGA sinalou que “na reunión de onte se presentou o programa de traballo para estes dous anos. É un programa que non está pechado e ao que os socios poden facer as súas propostas e incorporarse a calquera dos grupos de traballo que se crearon. Se crearon uns grupos para cada área das que se está traballando, do fórum, de accións europeas, da segunda semana de formación profesional en Europa, que este ano se vai celebrar a finais de novembro conxuntamente cun número moi grande de centros na Unión Europea. Esa semana todas as organizacións que participamos en accións europeas imos realizar toda unha serie de actividades que se entramos na páxina de Erasmus + poderase ver o mapa de Europa, cómo están situados en cada país e cada rexión esas entidades que fan actividades relacionadas coa formación profesional”.
O presidente de APAGA manifestou que “nós neste momento non temos ningunha programación definitiva, temos algunhas ideas do que imos facer. Unha das cousas que quedou clara onte na reunión da asociación é que hai que incorporar á empresa, e facer todos os esforzos posibles para que vaian tendo cada vez máis peso nas nosas actividades, e que traian consigo que haxa maior empregabilidade. Temos que conseguir dada a situación que hai neste momento de necesidade de persoal, especialmente no tema industrial, formar a toda esta xente que non ten formación, e que o sistema educativo por unha circunstancia ou a forma moitas veces dos procesos educativos, fai que queden aí ao marxe e sen formar. Eu creo que nestes dous anos se vai dar un impulso importante á participación das empresas nas accións de APAGA”.
Xunto a Álvaro Doural na directiva de APAGA estará como secretario, Javier Rodríguez Fanego.