Site icon Crónica3.com A Mariña

Rematou o torneo 3×3 de baloncesto, que se celebrou en Burela durante o mércores e xoves

180817 Foto premios baloncesto 1Burela, 18 de agosto de 2017. Onte xoves remataba o torneo de baloncesto 3×3 que se celebrou durante o mércores e xoves na praza da Mariña en Burela, organizado pola Concellería de Deportes en colaboración co CB Burela. No acto de clausura o edil Ramiro Fernández Rey e o alcalde, Alfredo Llano, fixeron entrega dunha placa ao equipo alevín feminino do CB Burela, que se proclamou campión provincial esta pasada tempada.
O concelleiro de Deportes explicou que “durante o acto de entrega de trofeos e medallas aos gañadores do torneo de baloncesto 3×3, que se celebrou estes días en Burela, fixemos tamén a entrega dunha placa de recoñecemento ao equipo prebenxamín feminino que quedou campión provincial esta tempada pasada”.
Ramiro Fernández Rey salientou que “foi un auténtico espectáculo ver xogar a estes rapaces. Puidemos comprobar que a canteira do Burela ten unhas figuras moi prometedoras de cara a un futuro”.
O edil socialista quixo “agradecer desde o Concello, e eu como concelleiro, a colaboración ao Club Baloncesto Burela nesta actividade”. E adiantou que “dado o éxito que tivo, tanto de participación como de público, imos seguir repetindo nestes veráns porque tamén cremos que é unha alternativa boa para darlle aos rapaces e rapazas para estas noites de verán, que ademais tivemos a sorte de que o tempo nos acompañou e tivemos unhas noites espléndidas”.

Exit mobile version