A directiva de ACISA Ribadeo explica que esta actividade “consiste en que as tendas saquen á rúa os seus produtos, ben sexan restos de stock ou avances de tempada, no horario comercial habitual. É unha campaña orientada a que os establecementos participantes poidan poñer o broche de ouro ao verán e ás rebaixas sacando o stock que lles queda a un prezo rebaixado e iniciar a venta da nova tempada. Cremos que é unha actividade cun toque diferente pois en vez de facer feiras de stocks en recintos preferimos sacar as propias tendas á rúa e aproveitar o ambiente de verán. Nesta campaña participan case 30 comercios asociados, 27 exactamente, xa que pola loxística que implica e dependendo do produto que se venda hai moitos que non poden facelo aínda que quixeran”.
O colectivo empresarial engade que “todos os establecementos participantes sacarán de maneira vistosa os seus produtos á rúa para achegalos aos clientes e intentar darlle un último empurrón á tempada de verán”.
Festas patronais
Por outra banda, ACISA fai público o seu agradecemento á labor da comisión organizadora das festas patronais deste ano, que “traballan arreo para sacar adiante tanto a festa de San Roque como as de Santa María do Campo e quixeron contar coa colaboración desta asociación, que está moi orgullosa disto. Consideramos que todas as festividades, pero en especial San Roque e a patroa, son de gran importancia para a vila, pois supoñen un motor tanto para a hostalería como para o comercio no remate do verán. Por iso ACISA aportou, na medida das súas posibilidades, financiamento para as festas e cremos que é importante que volvan ao centro da vila, tal e como nos fixeron chegar moitos socios. Ademais queremos desexar felices festas a todos os veciños, veciñas e visitantes”.