Site icon Crónica3.com A Mariña

Sara Correia: ‘aceptei o desafío sen pensalo dúas veces’

sara-presentacion1718Burela 28-8-17. “É un desafío que aceptei sen pensar dúas veces; foi doado. Eu estaba en Italia e sempre seguín o fútbol sala español. Todo o mundo sabe que é a mellor competición, calquera xogadora ten a aspiración de estar aquí. Por iso foi, por estar aquí as mellores e por ser a liga máis competitiva”, explicaba unha das novidades no Pescados Rubén Burela FS de Primeira RFEF, a portuguesa Sara Margarida Correia Barbosa (O Porto, 1994), máis coñecida como Correia.

Na compaña do presidente, Manuel Blanco, e o directivo José Ángel Dovale, a ala-peche, procedente do Città di Falconara italiano, chega disposta a todo para aproveitar a súa primeira experiencia no fútbol sala español e para axudar o Pescados Rubén: “Xa teño base para estar aquí e axudar o equipo, o fútbol sala en Portugal é bastante similar ao español; en Italia é completamente diferente, tanto o xeito de xogar coma de adestrar. Todas as miñas compañeiras me axudan, o grupo ten moito nivel; estamos traballando moi ben e estou aprendendo bastante” incidiu na boa adaptación nestas semanas de pretempada.

A nova 13 laranxa vese preparada: “Estou aquí porque quero gañar, creo que aquí só se pode pensar en gañar. Este non é un club novo, toda a xente sabe quen é o Burela FS e as aspiracións son gañar a maior experiencia posible, aprender e pelexar por títulos, sen dúbida. Eu estou aquí para dalo todo, prometendo traballo, dedicación e ambición” aseguraba a lusa.

Fin de semana atarefada

As Guerreiras Laranxas pecharon onte unha atarefada fin de semana coa contundente vitoria en Marín ante O Fisgón (1-7), de Segunda División. No Torneo Internacional Cidade Viana do Castelo, o bronce foi para as laranxas con outro resultado claro, 1-8 fronte ao Poio Pescamar; unhas horas antes no cruzamento coas pontevedresas (1-2) non puideron continuar coas boas sensacións na xornada inaugural, do venres, fronte ao VV Pernis (4-2). “É sempre bo voltar ver a xente nun lugar no que sempre me trataron ben. Ter a oportunidade de volver co Burela a este torneo, con rivais moi fortes, foi bo para a nosa preparación”, así valoraba Correia o regreso a unha das que foron a súa casa, co Santa Luzia Futebol Club, en Viana do Castelo. “Estes partidos de preparación son moi importantes para coñecernos e axustar as pezas. Estou moi contenta co rendemento de todo o equipo; no noso segundo partido co Poio, en Viana, fomos superiores en todos os aspectos, e onte en Marín, como estaba previsto, dominamos”, explicaba a burelista.

Presentación en Vista Alegre

O Pescados Rubén Burela volverá verse as caras co Poio Pescamar FSF este sábado, en Vista Alegre, na presentación do conxunto mariñán en Vista Alegre. O encontro, con entrada gratuíta, dará comezo ás 19.00 horas.

Exit mobile version