Site icon Crónica3.com A Mariña

Villoslada chama ao partido a “poñer as luces longas” para armar un proxecto “estable e sólido” a longo prazo

Mariña lucense. 17 de agosto. O precandidato á secretaría xeral do PSdeG Juan Díaz Villoslada percorre hoxe a Mariña lucense con encontros coa militancia en Riotorto, Valadouro, Barreiros, Foz, Cervo e Viveiro. Villoslada quere chamar ao partido a “poñer as luces longas” entre todos e todas e “non pensar en termos curtopracistas nin actuar con ansiedade”.

Sen perder de vista a “importancia crucial” das vindeiras eleccións municipais, nas que os socialistas deben revalidar e ampliar a súa importantísima presenza actual nos gobernos locais e provinciais, o socialista quere armar “un proxecto estable e sólido” a longo prazo .

“Debemos desenvolver un proxecto político forte que sexa duradeiro, que vertebre as preocupacións e necesidades de varias xeracións e que non sexa cuestionado en cada proceso electoral”, afirmou, “un proxecto de sólida estrutura á altura dos tempos e á altura da cidadanía galega” e “comprometido cos valores da esquerda”.

“Temos que voltar a falarlle de ti a ti ao PP e competir fronte a fronte para conseguir o apoio da maioría social de Galicia sen tibiezas nin complexos, cun proxecto definido sen ambigüedades e trasladándolle á cidadanía galega a nosa idea de sociedade”, dixo.

Exit mobile version