Foz, 6 de setembro de 2017. A concelleira de Turismo focense, Mayte López Rego, fixo público hoxe o balance das visitas rexistradas durante os meses de xuño, xullo e agosto á oficina de turismo de Foz e á basílica de San Martiño. A edil destacou que durante o mes pasado pasaron pola oficina de turismo focense 15.300 persoas, case o dobre que en agosto de 2016.
Mayte López explicou que “como todos os anos chegado o mes de setembro é case cita obrigada botar unha vista atrás ao verán e ver a presenza de turistas que houbo no noso concello. A verdade é que como concelleira de Turismo son moi gratificantes os datos que me pasa a técnico desde a oficina porque cada ano nos superamos un pouco máis e cada ano o concello de Foz recibe máis visitas de xente que nos quere coñecer e que quere pasar uns días con nós; e iso como concelleira, como veciña e como persoa é moi gratificante, que saibamos que a xente conta con nós á hora disfrutar duns días estivais de vacacións”.
A concelleira de Turismo engadiu que “de todos os datos que me pasaron vou dicir un moi significante, polo menos a min foi o que máis me deu á vista cando collín o papel e me puxen a ver datos, e é que no mes de agosto 15.300 persoas pasaron pola Oficina de Turismo de Foz. Case duplican os datos do ano pasado, que xa non eran malos, pero era case a metade menos porque en agosto de 2016 foron 8.317 persoas. Se consideramos que no noso concello existe moita segunda vivenda porque hai moitos visitantes que decidiron mercar a súa vivenda de tempada en Foz, creo que é un dato cando menos moi bo, interesante e satisfactorio, tanto para min como concelleira de Turismo como para o resto do equipo de goberno e da corporación”.
A edil tamén comentou que “non foi un verán no que se poida salientar ningunha incidencia fora do normal nin nada fora do común, cousas moi leves que case non paga a pena nin nomear”.
Mayte López destacou tamén “as visitas que recibiu a Basílica de San Martiño. Cada ano estanse superando e o traballo da guía e a repercusión que desde o equipo de goberno lle quixemos dar á Basílica de San Martiño creo que está dando os seus resultados. Moita xente interésase polo noso patrimonio cultural e iso tamén é moi gratificante. A xente busca mar e praias, pero tamén busca cultura e Foz tamén pode ofrecer cultura”.
A concelleira de Turismo rematou agradecendo “a todas cantas persoas pasaron polo noso concello a súa visita e quero convidalos a que en próximos anos volvan por aquí. Grazas tamén aos veciños de Foz pola hospitalidade e pola atención que lle dan aos nosos visitantes; e así entre todos conseguimos mellorar cada ano e seguiremos mellorando para que Foz sexa un referente nas vacacións de moita xente”.
En total durante os meses de xuño, xullo e agosto a Oficina de Turismo de Foz atendeu a 19.012 persoas, mentres que en 2016 no mesmo período foran 11.959. E na basílica de San Martiño neses tres meses houbo 15.991 visitantes, mentres que no mesmo período do ano pasado recibira a 13.446 persoas.