Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de medio ambiente de Burela fai unha valoración moi positiva da semana da mobilidade, que tivo lugar do 16 ao 22 deste mes

250917 Foto Semana MobilidadeBurela, 25 de setembro de 2017. Noelia Mª Ben, concelleira de Medio Ambiente, fai un balance positivo das actividades desenvolvidas durante a Semana da Mobilidade, que tiveron lugar do 16 ao 22 deste mes. E anuncia que no mes de outubro serán expostos na Casa da Cultura os traballos presentado ao concurso de debuxo infantil, convocado para que os máis pequenos e pequenas plasmasen o que é para eles a mobilidade.
A edil burelesa declarou que “estamos moi contentos pola gran participación e implicación de todos os colectivos durante a Semana. Cada ano facemos unha semana con máis actividades. Neste caso tivemos un taller coa Asociación Stop Accidentes, que se levou a cabo cos alumnos de 4º da ESO dos IES de Burela. Foi algo que nos pareceu de gran interese, e esperamos poder seguir colaborando con eles. Outra das novidades foi o taller de Plantas Aromáticas e Medicinais, ofertamos 20 prazas e cubríronse todas, a xente saíu moi contenta e mostrounos o seu interese en participar en actividades deste tipo”.
Noelia Mª Ben dixo que “dende a miña Delegación estamos elaborando unha programación de actividades para a poboación adulta, a miña intención é ofertar unha actividade por mes como mínimo. No que respecta ás actividades destinadas á poboación infantil sempre temos unha gran participación, este ano por primeira vez fixemos un concurso de debuxo infantil no que os rapaces plasmaron o que é para eles a mobilidade, o resultado gustounos moito e imos expor os debuxos na Casa da Cultura dende o 9 de outubro ata finais de mes”.
A concelleira de Medio Ambiente tivo tamén palabras de agradecemento para todos os colectivos e asociacións que se sumaron á Semana da Mobilidade e para os traballadores do Concello de Burela: “gustaríame aproveitar esta ocasión para darlles as grazas a todas as asociacións, colectivos e traballadores do Concello que fixeron posible levar a cabo unha programación tan ampla e variada durante toda a Semana da Mobilidade, que esperamos poder seguir mellorando ano tras ano. E para rematar animar á xente a utilizar menos o coche para traxectos curtos e apostar por camiñar, que sen dúbida é moito mellor para todos, incluído o medio ambiente”.

Exit mobile version