Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de economía impulsa a formación para o emprego cunha vintena de cursos nos centros propios que xestiona en Lugo, Viveiro e Monforte

Lugo, 19 de setembro de 2017.- A Xunta de Galicia fomenta a cualificación de traballadores desempregados a través dunha vintena de actividades formativas que desenvolve nos centros que xestiona a Consellería de Economía, Emprego e Industria en Lugo, Monforte de Lemos e Viveiro.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os participantes que superan estes cursos acceden a un certificado de profesionalidade, que os habilita para exercer o oficio aprendido en todo o Estado.

En conxunto, ofértanse máis de 300 prazas. Os alumnos son seleccionados a través das oficinas de emprego, se ben os traballadores ocupados que estean interesados na materia poden optar ata a un 25% das prazas no caso de que non se cubriran en primeira instancia.

Balseiro informou de que, de cara ao último trimestre do ano, están en marcha dez cursos e outros tres comezarán proximamente.

Así, o Centro de Formación Profesional Ocupacional de Lugo ofertou en total 12 cursos, dos cales aínda hai sete en marcha, nas especialidades de Operacións de fontanería, calefacción e climatización doméstica; Levantamentos e replanteos; Xestión contable e administrativa para auditoría; Sistemas microinformáticos; Docencia da formación profesional para o emprego; Operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos, e Soldadura. Nos vindeiros días dará comezo outra actividade sobre Montaxe e mantemento de sistemas de automatización industrial.

O centro de formación de Viveiro programou seis cursos. Están en marcha os de Mecanizado por arranque de labra, e Levantamentos e replanteos; en outubro dará comezo un sobre Montaxe e Mantemento de sistemas de automatización industrial, e o próximo mes de xaneiro outro sobre Operacións auxiliares de fabricación mecánica. Remataron recentemente os de Montaxe, posta en servizo, mantemento, inspección e revisión de instalacións receptoras e aparellos de gas, e Docencia da formación para o emprego.

Pola súa banda, a Unidade de Acción Formativa de Monforte de Lemos ten en marcha un curso sobre Montaxe de mobles e elementos de carpintería, e rematou este verán dous, sobre Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, e Arte floral e xestión das actividades de florería.

O delegado territorial destacou que a programación dos cursos “responde a especialidades nas que se aprecia demanda do mercado laboral ou posibilidades de autoemprego”.

Neste sentido, engadiu que os centros de formación ocupacional son “un puntal dentro da formación para o emprego que desenvolve a consellería, que financia ademais os obradoiros de emprego e os 131 cursos AFD, dirixidos prioritariamente a traballadores desempregados, que promoven este ano na provincia concellos, empresas e entidades sen ánimo de lucro”.

Exit mobile version