Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma en defensa da sanidade pública reta a Balseiro a un debate público.

A Mariña, 3 de setembro de 2017. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na Mariña lánzalle un reto ao delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, para que “se tan seguro está das bondades do anteproxecto de modificación da Lei da saúde que vén de presentar o Partido Popular, que acepte debater con una persoa representante da Plataforma sobre o tema”, sinalan.
Desde a Plataforma afirman que “non é lexítimo que o representante da Xunta se dedique a lanzar consignar e a lanzar datos sen un mínimo de contraste coa realidade que avale as afirmacións que sostén.”
“O debate sobre a área sanitaria e as consecuencias da implantación da Área HULA, con total dependencia do hospital de Lugo, é unha cuestión moi seria e que afecta a todas as veciñas e veciños da Mariña. Por iso non pode liquidarse con catro afirmacións maliciosas repetidas ata a saciedade e carentes de veracidade ou con fotos diante duns ladrillos. Fotos, por certo, que amosan ben clara a situación do Partido Popular neste tema: sen ninguén que se atreva a arroupalos nesta decisión”, afirman.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na Mariña propón un debate público, nun espazo aberto ao que poida acudir público e moderado por profesionais dos medios de comunicación.
“Se teñen a certeza de que o que están defendendo é o mellor para a Mariña, que dean a cara e deixen de agocharse detrás de titulares. Que se atreva a debater o Sr Balseiro ou que mande algún recadeiro, como o seu pupilo, Daniel Vega; que non dubida en saír ao rescate do seu mentor coas mesmas formas e argumentacións do seu mestre”, conclúen.

Exit mobile version