Site icon Crónica3.com A Mariña

A plataforma sanitaria insta aos concellos a que se sigan posicionando a favor do mantemento da área sanitaria da Mariña

A Mariña, 22 de setembro 2017. Representantes da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña asistiron onte ao pleno celebrado no Concello de Ribadeo, no que o alcalde Fernando Suárez Barcia defendeu a proposta trasladada pola plataforma a todos os concellos na que se pedía a retirada do Anteproxecto de Lei que modifica a Lei 8/2008 e elimina a Área Sanitaria da Mariña.

Agradecemento ao Concello de Ribadeo e petición ás restantes corporacións municipais para que se opoñan tamén á supresión da Área Sanitaria

Desde a Plataforma queren facer público o recoñecemento e agradecemeto á corporación municipal de Ribadeo polo seu posicionamento a favor do mantemento da Área Sanitaria desta comarca. “Ribadeo é o primeiro concello que leva a nosa moción a pleno, e o primeiro en aprobala. Agardamos que o resto dos concellos, nos plenos a celebrar os vindeiros días sigan a liña de Ribadeo, un concello que atende as xustas demandas da súa veciñanza e, coma neste caso, tamén das mariñás e mariñaos”, manifestaron representantes da Plataforma, que destacaron tamén o feito de que este concello fora tamén o primeiro en pendurar do balcón a faixa na que se reclama o mantemento da Área Sanitaria, acto que realizaron conxuntamente todos os membros da corporación presentes co alcalde ao frente, quen anunciou que ademais desta faixa o goberno municipal ribadense vai colocar outra na entrada da vila.
A Plataforma insta tamén a toda a poboación mariñá a asistir aos plenos dos seus respectivos concellos cando se debata esta moción e poder comprobar os posicionamentos de cada quen.

O Partido Popular cando non tén argumentos, fuxe
Tenen medo a debater porque tenen moito que agochar

A parte negativa deste pleno púxoa o Partido Popular, que no momento en que o alcalde Fernando Suárez rematou de expoñer a moción da Plataforma, levantáronse e fuxiron negándose unha vez mais a debater públicamente un tema tan importante como é o da situación da asistencia sanitaria na comarca. “Se tenen medo a debater é porque algo, ou moito, tenen que agochar. Non tenen a valentía nin a dignidade suficientes para reunirse e dialogar con ninguén, solo se reunen con eles mesmos para autoconvencerse das súas propias mentiras”. “Con actitudes coma esta queda claro que non son dignos representantes do pobo, porque a democracia prodúcelles alerxia”, afirmaron desde a Plataforma.

O Partido Popular dálle as costas ás xustas reivindicacións da Mariña

Representantes de colectivos integrados na Plataforma acudiron hoxe a recibir a Feijóo e ao conselleiro Rey Varela na visita que ambos realizaron á Galiña Azul de Burela, para mostrarlles o descontento da comarca pola modificación lexislativa que pretende impoñer suprimindo a Área Sanitaria da Mariña e deixando esta comarca nunha situación ainda mais precaria, sobre todo no referente á asistencia sanitaria. Nin Feijóo nin o seu séquito de rostros compracentes tiveron a ben dirixirse aos membros da Plataforma alí presentes.

Réplica as declaracións de Feijóo realizadas hoxe en Burela

Na asemblea informativa celebrada hoxe en Burela a Plataforma saíu ao paso das declaracións realizadas no día de hoxe por Feijoo na mesma vila, nas que volveu a insitir nas mesmas falsedades que o PP sigue divulgando pola Mariña. “Hai que ter moita caradura para afirmar que coa supresión da área sanitaria non van ter que desprazarse a Lugo os doentes xa que serán os facultativos os que se desprazaran de Lugo a Burela “voluntariamente”. Eso non é aumentar a carta de servizos do Hospital de Burela, dado que tamén poden ter que desprazarse “voluntariamente” facultativos de Burela a outros hospitais, afirmaron. Esas declaracións non son propias dun presidente da Xunta serio, que con estas aseveracións mais ben parece un concelleiro do PP na comarca ca un verdadeiro presidente. O que tén que facer o presidente da xunta é dotar dos suficientes recursos á sanidade pública na comarca, concluiron.

A Plataforma continúa coa labor informativa por toda a comarca, pois son moitos @s veciñ@s que mostran a súa preocupación por este novo ataque do PP á sanidade pública e á comarca da Mariña. En vindeiros días desenvolveranse asembleas en Mondoñedo, O Valadouro, San Cibrao e Foz, entre outros sitios, que se anunciarán debidamente.

Instan tamén aos concellos gobernados polo PP na comarca e a todos os seus edís, a reconsiderar a súa errada postura, solicitándolles que antepoñan os intereses da sanidade pública na Mariña aos intereses dos seus dirixentes en Lugo e en Santiago.

Exit mobile version