Este tipo de política só necesita un dogma inamovible e Rajoy e o PP, coa complicidade do Partido Socialista de España (que non obreiro) e dos laranxas, atopouno na Constitución Española, que se deixa usar da forma convinte e que ó parecer é moi complicado reformar agás claro está, para o interese do Capital. É certo que a consulta non é legal, non o nego, pero non é menos certo que o mundo avanza e o que era normal en 1978 non o é tanto en 2017 (hoxe as TV son en color e planas) pero non ía ser menos, no tema da Constitución, tamén estamos a velas vir. Gustaríame saber en que lugar da Constitución figura un organismo chamado Troika que marca dende fai anos a política económica do estado español e a vida de moitos de nós.
Coido que o paso por unha Deputación marcou a operatividade do Sr. Presidente, esa tranquilidade esa falla de transparencia é cómoda. O que si é certo é que pasará a historia de Europa como un político sen altura para o momento, sen capacidade e sen modernidade para ver que a definición da Europa dos estados está rematando co Brexit, con Escocia, con Cataluña, Pais Vasco, Bretaña, Irlanda …. e ten que ser tamén con Galicia.
O problema é que moitos políticos e partidos confunden conservador con conservar, con conservar estruturas cómodas e fáciles de controlar, con conservar mecanismos partidarios para asegurar a moqueta e garantir a súa rede partidaria. Non caen na conta de que non todo o mundo está a velas vir, e o final vai ser tarde para cambiar as cousas, pero iso é o que pretenden claro. Era ben non deixarlles, e ter moi presente que Galicia ten que estar na nova construción do orde global na nova Europa dos Pobos e do Piar Social.
Juan Carlos Piñeiro Docampo
Sº Xeral de CxG.