Site icon Crónica3.com A Mariña

Afan Burela sairá á rúa no día mundial do alzheimer para informar e concienciar á sociedade sobre esta doenza

Burela 15-9-17. Con motivo do Día Mundial do Alzheimer, a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras enfermidades Neurodexenerativas de Burela (AFAN Burela) realizará durante este mes de setembro diversos actos conmemorativos co fin de achegar á sociedade esta doenza que xa afecta en Galicia a máis de 100.000 persoas.
Comezará sumándose, a través da súa páxina de Facebook, á campaña que a Federación Alzheimer Galicia está a levar a cabo nas redes sociais baixo o lema “Recorda quen son” reivindicando así os dereitos das persoas que sofren estas doenzas así como os dos seus coidadores.
Os actos centrais da asociación terán lugar o 21 de setembro, Día Mundial do Alzheimer. Ese día, AFAN Burela estará presente no Centro de Saúde da localidade burelesa, no Hospital da Costa e na Casa do Mar (a carón da súa Unidade de Respiro Familiar) con mesas informativas onde dará a coñecer a súa labor e proporcionará información sobre estas doenzas e a súa problemática.
Pola noite, o Concello de Burela pechará os actos conmemorativos coa iluminación da súa fachada en cor violeta mostrando deste xeito o seu apoio a todos os afectados por esta enfermidade.
Finalmente, a asociación ten prevista a celebración dunha cea benéfica o día 8 de decembro co fin de recaudar fondos para poder continuar os seus proxectos.

Exit mobile version