Site icon Crónica3.com A Mariña

APAGA presenta o material elaborado para alumnos e mestres de FP do sector da automoción, dentro dun proxecto Erasmus +, no que leva traballando desde o 2015 con varios socios europeos. Consiste en 6 libros electrónicos que se utilizarán en centros de diversos países

IMG-20170915-WA0048Ribadeo, 15 de setembro de 2017. APAGA celebra estes días en Ribadeo un encontro de traballo con profesores de FP de países como Polonia, Estonia, Croacia, República Checa e Italia. Ás 20:00 horas dará a coñecer o resultado do proxecto de Erasmus + no que estiveron traballando durante os dous últimos anos e que consistiu na realización de 6 libros electrónicos que estarán ao alcance de alumnado e mestres do sector da automoción. Xunto ao presidente de APAGA, Álvaro Doural, a responsable de Economía na Deputación de Lugo, Mayra García Bermúdez, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.
Doural anunciou que “hoxe ás oito se vai facer unha presentación dos produtos elaborados durante estes dous anos, nos cales se vai informar tamén aos asistentes onde se poden descargar eses libros. É importante dado a potenciación que está facendo a Consellería de Educación da utilización doutros idiomas nos alumnos de Formación Profesional, dicir que estes materiais van estar en inglés e ao alcance de todo o mundo de forma gratuíta”.
Álvaro Doural explica que “estes libros tocan temas moi diversos, desde temas de motores, diagnose, chasis, caixas automáticas, hai unha variedade importante. Son seis libros que van estar en distintos formatos, en web, en plataforma moodel e en libro electrónico. Pódese acceder desde calquera ordenador, non necesita ningún software especial. Tamén aquela xente que estea interesada que se poña en contacto con nós para facilitarlle a forma de ter o editor para poder facer os seus propios libros electrónicos”.
Para o responsable de APAGA “unha parte moi importante que levou a cabo a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) é a implantación deste sistema. Puidemos ver onte cómo o socio de República Checa o ten implantado o no seu centro. Víamos cómo non só os profesores senón tamén os alumnos nas clases traballan co editor, e elaboran os seus resumes e as súas fichas. Tamén conseguimos unha vantaxe ecolóxica significativa porque a supresión de soportes en papel ten un aforro importante e unha repercusión a nivel medioambiental”.
Álvaro Doural engadiu que “durante estes dous anos ademais dos materiais, que os hai moi ben elaborados e ben feitos, tamén é importante a relación cos socios o cal vai permitir que haxa unha sostenibilidade do proxecto que vai continuar con outras accións. Neste momento xa está dando os seus froitos porque hai alumnos que están facendo estadías formativas a través do proxecto Impulso á Empregabilidade con socios deste. No caso de Italia na empresa que está neste proxecto, Multicar, hai dous alumnos facendo prácticas, e en outubro e en novembro haberá outros que gozarán de estadías formativas en diferentes países”.
O presidente de APAGA subliñou que “a filosofía é que os proxectos nunca se acaben aínda que teñen a súa vida no económico, que dean posibilidade doutros proxectos e outras relacións. APAGA neste momento ten unha rede de socios en 22 centros ou entidades na Unión Europea. É moi importante para a asociación, para a formación profesional e tamén para a zona”.
Os participantes nestas xornadas de traballo de APAGA, que se están a celebrar en Ribadeo, visitarán mañá Barreiros e Mondoñedo. Onte pasearon polo casco histórico ribadense e pola praia das Catedrais. O domingo será cando retornen aos seus países de orixe.

Exit mobile version