Precisamente, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, recibiu este sábado ao visitante 10.000. Trátase de Diego Martínez e pertence ao grupo de rapaces procedente de Monforte de Lemos que, no día de hoxe, se achegou ata este enclave arqueolóxico.
“É unha satisfacción”, recoñece a rexedora, “constatar como as Covas teñen tirón, pois cantos máis as visiten, máis promoción conseguimos do noso municipio. Mondoñedo é historia. Por iso, dende o Goberno local traballamos, e así o seguiremos facendo, para que cada vez sexan máis os que se achegan a coñecer o patrimonio arqueolóxico, cultural, arquitectónico, gastronómico, medioambiental e turístico que temos”, destaca.
Aumento das visitas, consecuencia do traballo do Concello
O aumento das visitas é consecuencia do traballo que está a facer o actual equipo de goberno pola promoción do municipio, e faino convencido de que o gran potencial que posúe nesta materia é “unha oportunidade extraordinaria para reactivar a economía local e, por tanto, para crear e manter o emprego existente”.
Precisamente, amparados nesta estratexia de apostar por “un Mondoñedo máis dinámico e atractivo tanto para os visitantes, como para os propios residentes”, dende o mes de abril ata finais deste mes ampliaron o horario de visitas ás Covas a grupos como o que foi recibido pola rexedora, e que se fai a diario, en tres horarios; ás 12:00, 17:00 e ás 18:30 horas.
Deste xeito, as persoas interesadas en percorrer a galería principal da cavidade deben formalizar a súa solicitude, chamando á Oficina Municipal de Turismo (982.507.177). Como requisito, os interesados deben de presentarse no lugar 45 minutos antes da hora da entrada e un espeleólogo da Federación Galega será o encargado de acompañalos na visita. O resto do equipamento: luvas, casco, lanterna ou funda non supón ningún custo a maiores do prezo fixado para a visita, que é de 15 euros por persoa.
Nestas visitas, os grupos están formados por 10 persoas como máximo e un mínimo de 4. A idade mínima para poder acceder ao interior da cavidade, que pertence ao período Cámbrico da era Primaria, son doce anos. A visita dispón dunha duración aproximada duns 15 minutos.
Ademais de contemplar a súa beleza, os participante teñen a oportunidade de coñecer este importante xacemento que, ademais, é obxecto de distintas lendas, como por exemplo, a que lle dá nome. Esta lenda conta que o Rei Cintolo, que era dono e señor de todo o val de Brea, tiña unha filla chamada Xila, que estaba namorada dun conde. Pero un bruxo, que estaba celeso dese amor, sepultou o reino de Cintolo no interior da terra. Segundo a mesa fábula, a princesa aínda agarda que un cabaleiro valente lle devolva a vida.