Site icon Crónica3.com A Mariña

As escolas deportivas municipais de inverno de Burela, que foron presentadas hoxe, comezarán o 2 de outubro. Este ano como novidade haberá zumba kids

120917 Foto escolas inverno Burela 1Burela, 12 de setembro de 2017. A Concellería de Deportes presentou hoxe as escolas deportivas municipais de inverno que darán comezo o 2 de outubro. Haberá tenis, tenis de mesa, bádminton, patinaxe lúdico, patinaxe artístico e como novidade zumba kids. O prezo de cada actividade é de 6 euros ao mes. As fichas de inscrición deberán entregarse entre os días 25 e 28 deste de setembro.
O concelleiro Ramiro Fernández Rey anunciou que “procedemos á presentación das escolas deportivas municipais de Burela para este inverno 2017-2018. Dentro das actividades que propoñemos temos tenis, tenis de mesa, bádminton, patinaxe lúdico, patinaxe artístico e zumba kids”.
O edil de Deportes explicou que “algunha destas actividades vai dalas o noso propio técnico municipal, Iván Cao, e van ser as de tenis, tenis de mesa, bádminton e patinaxe lúdico. Despois vai haber unha empresa encargada de dar a patinaxe artística e zumba kids”.
Fernández Rey subliñou que “o máis salientable de todo este ano é a incorporación de zumba kids, que vai substituír á actividade de ballet debido a que ultimamente estaba tendo menos afluencia de nenos, decidimos darlle un xiro e esperemos que esta actividade nova sexa atractiva e os nenos queiran participar nela”.
O concelleiro burelés manifestou que “as escolas deportivas municipais de inverno este ano no Concello de Burela empezan o 2 de outubro e rematan o 25 de maio. Todos os interesados poden achegarse á Casa da Xuventude e falar co técnico municipal, con Iván Cao. Tamén imos facer un reparto de fichas de inscrición polos colexios para que todos os nenos poidan ter a posibilidade de participar nestas Escolas”.
O edil socialista engadiu que “o prezo da actividade vai ser de 6 euros mensuais, que serán un total de 48 euros anuais por todos estes meses de actividade deportiva”.
Ramiro Fernández quixo “desde o Concello animar a todos aqueles que queiran practicar deporte a que aproveiten estas actividades para facelo e ter unha vida máis saudable”.

Exit mobile version