Site icon Crónica3.com A Mariña

As oficinas de información turística de Burela atenderon a máis de 3.500 persoas no mes de agosto. O barco museo Reina del Carmen recibíu no que vai de ano preto de 4.000 visitas

Burela, 7 de setembro de 2017. Máis de 3.500 persoas solicitaron información nas oficinas de turismo de Burela en agosto. O concelleiro Ramiro Fernández Rey cualifica estes datos de históricos e salienta que 1.700 persoas pasaron polo barco museo Reina del Carmen durante o pasado mes.
O responsable da Delegación Municipal de Turismo salientou que “estamos moi satisfeitos co balance turístico no Concello no mes de agosto. Eu penso que estes datos que tivemos neste verán son históricos para o turismo de Burela. Si que é verdade que estamos aínda moi lonxe doutras zonas turísticas da comarca como poden ser outros municipios próximos, pero estamos vendo que o incremento de turistas en Burela é moi importante”.
Ramiro Fernández Rey contou que “neste mes de agosto temos que dicir que tivemos máis de 3.500 visitas na oficina de turismo, concretamente na oficina de turismo foron 3.337 e no punto de atención do Concello máis de 150 consultas de turismo”. Por este orde as comunidades que máis se achegaron a Burela foron Madrid con 1.256 persoas, seguido de Galicia con 354, País Vasco con 302, Castela-León con 299, Cataluña con 233 e Asturias con 247.
O concelleiro engadiu que “os datos do Barco Museo Reina del Carmen tamén son espectaculares, temos un crecemento con respecto ao ano pasado moi importante, e recibimos a 1.737 persoas en agosto. E no que vai no total do ano preto de 4.000 persoas pasaron por este Barco Museo”. En 2016 pasaron polo Reina del Carmen 3.600 visitantes, e de xaneiro a agosto deste ano xa van catro mil visitas.
Fernández Rey declara que “imos seguir traballando na mesma liña, intentando meter a Burela nesa cabeza de turismo na Mariña”.
O edil burelés quixo “agradecer á toda a xente que fixo posible estes datos. Tanto á xente que traballa no Barco Museo Reina del Carmen como aos traballadores que estiveron atendendo a oficina de turismo e o punto de atención turística polo seu esforzo e a súa entrega para que estes datos sexan hoxe unha realidade. Esperemos de cara ao ano que ven, aínda que non vai ser fácil, seguir superando estes datos”.

Exit mobile version