A delegación burelesa, composta por unhas 20 persoas, estivo acompañada polo alcalde, Alfredo Llano, e polo concelleiro de Cultura, José Díaz. Onte os asistentes fixeron un treito do Camiño de Santiago para rematar na praza do Obradoiro, a continuación tivo lugar unha visita guiada polo centro histórico de Compostela para os alfombristas, que comezaron a elaborar os seus traballos pola tarde.
Xa hoxe, domingo, tivo lugar o acto para a paz e a bendición das alfombras elaboradas por todos os participantes, que logo asistiron a unha misa na Catedral de Santiago. A continuación desenvolveuse a axenda institucional dos organizadores e asistentes a este evento. A xornada remata cunha comida de irmandade.
No encontro participaron alfombristas chegados de Italia, México, Xapón, Portugal, Alemaña e España, que conta con representantes de Asturias, Canarias, Castela-A Mancha, Castela e León e Cataluña. De Galicia acudiron artesáns das catro provincias galegas: Bueu, Burela, Cangas, Ponteareas, Redondela, Rianxo e Ribadavia.